CENTROS SOCIOCULTURAIS

Centros Socioculturais programa tres charlas sobre seguridade informática e internet

15/10/2013 A Concellería de Centros Socioculturais desenvolve durante todo o ano un programa regular en torno á formación e á dinamización das novas tecnoloxías nos espazos específicos, a través de 40 aulas informáticas. Seguindo con esta dinámica, programouse un ciclo de tres charlas formativas en torno á seguridade informática e internet no Centro Sociocultural do Ensanche.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, acompañado pola responsable municipal do CSC do Ensanche, Beatriz Cornide, e polo especialista en sistemas de información dixital José Luis Prado, presentou estas tres charlas, que se celebrarán os xoves 17 de outubro, 21 de novembro e 12 de decembro. Todas serán ás 19:30 horas, no CSC do Ensanche. A participación é libre e de balde ata completar o aforo de 73 prazas do salón de actos.

A continua evolución TIC e o acceso masivo a elas a través de distintos dispositivos supón que existan riscos e ameazas que a gran maioría da xente descoñece. De aí este ciclo de charlas, que instruirán sobre os procedementos básicos necesarios para o uso correcto das novas tecnoloxías e informarán sobre as medidas de seguridade e prevención necesarias que garantan na medida do posible a seguridade nestes entornos.

A primeira das charlas, o 17 de outubro, centrarase nos perigos na rede de redes. Abordaranse as diferentes tecnoloxías existentes relacionadas coas redes informáticas e Internet, as ameazas e riscos aos que un usuario podería estar exposto polo mal uso das mesmas e as precaucións básicas necesarias que se deberían adoptar para limitar na medida do posible calquera posible incidencia ou risco asociado.

O uso responsable da rede Wi-Fi será o tema da segunda charla, o 21 de novembro. Nesta sesión tratarase a problemática actual relacionada coas redes Wi-Fi, os seus tipos, seguridade dispoñible, ameazas ou riscos asociados aos que un usuario podería estar exposto polo mal uso das mesmas e as precaucións básicas que se deberan adoptar para unha correcta interacción coa devandita tecnoloxía.

A terceira e última charla do ciclo (12 de decembro) centrarase na ameaza móbil e no uso seguro dos smartphones. Falarase sobre a revolución tecnolóxica que representa a mobilidade (teléfonos intelixentes, tablets, etc...) e a problemática relacionada coa mesma na interacción dos usuarios coas redes e Internet, así como das medidas de precaución fronte a riscos e ameazas existentes.

As charlas terán unha duración de dúas horas e están dirixidas preferentemente a mozos e adultos con competencia tecnolóxica media-alta. Serán de nivel básico, entrando nun nivel mais avanzado se as preguntas por parte dos asistentes o require. Estarán impartidas por expertos en seguridade informática (Electronic Warfare Consultors).

Oferta formativa no eido das novas tecnoloxías
Este ciclo de charlas vén a complementar a xa de por si ampla oferta de actividades da rede de centros socioculturais no eido das novas tecnoloxías. Aos cursos de iniciación á informática e a Internet, que representan un primeiro nivel de acceso as TIC, súmanse outros con contidos máis avanzados, como a ilustración e o retoque dixital, o procesamento de textos, as redes sociais, o uso de móbiles ou a fotografía dixital, e tamén outras actividades, como clubs audiovisuais ou obradoiros para públicos concretos. En total, a oferta neste campo neste último trimestre do ano supera as 126 accións, coa previsión de que participen máis de 1.200 usuarios.

Catorce dinamizadores dixitais atenten o traballo das 40 aulas informáticas, facilitando tanto o mantemento das mesmas e o acceso libre dos usuarios así como a docencia dos diferentes obradoiros e monográficos programados.

Fantasía animada
Francisco Noya aproveitou a rolda de prensa para lembrar que, a partir deste mesmo martes 15 de outubro, a Concellería de Centros Socioculturais facilita invitacións para asistir ao concerto familiar Fantasía animada, a cargo da Banda Municipal de Música de Santiago, organizado no marco do programa Compostela Cine Classics 2013.

Esta actuación, dirixida ao público familiar, fará un percorrido polas bandas sonoras de grandes clásicos de animación, con proxección audiovisual das pezas interpretadas. Celebrarase o domingo 20 de outubro, ás 12:30 horas, na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta.

As invitacións pódense recoller na conserxería do propio CSC de Santa Marta (rúa de Antonio Rama Seoane, 6) a partir deste martes ou o día do concerto, dende 30 minutos antes do inicio do mesmo. Información no teléfono 981 543 017. Dez minutos antes do comezo do concerto deixarase entrar a persoas sen invitación se quedan prazas, polo que se prega chegar con antelación.

Compartir: