CULTURA

"10", último espectáculo de Nova Galega de Danza, no Teatro Principal

14/10/2013 Nova Galega de Danza conmemora os seus 10 anos nos escenarios cun espectáculo que recolle o mellor da súa exitosa traxectoria e no que brinda ao público novas propostas. O obxectivo da compañía é celebrar con todos os galegos este aniversario dende a vangarda, cunha coidada posta en escena e iluminación e cun deseño de vestiario de raíces galegas que fan deste proxecto algo moi especial e propio. 10 estará no Teatro Principal este martes ás 21:00 horas. As entradas están á venda a un prezo de dez euros.

Nova Galega de Danza liderou a música e a danza con raíces galegas na última década e 10 fusiona o mellor dos seus tres coñecidos traballos Alento, Engado e Tradicción, raíces galegas con novas correntes artísticas, do jazz e a danza de vangarda.

Alento, o primeiro espectáculo da compañía estreouse en Madrid cun sorprendente éxito de público e crítica, xirando mais tarde por toda Galicia, Portugal, Francia ou China, liderando así a renovación da danza galega e recibindo recoñecementos como o da compañía galega independente máis exitosa do ano (SGAE), finalista no Certame Nacional de Danza, 2º Premio Creación Coreográfica de Madrid, 4º Premio no Maratón de Danza de Madrid, finalista dos Premios Max ao Mellor Espectáculo Revelación, 1º Premio Opinión Disco Galego do Ano ou Mellor Disco Folk segundo a revista Efe-Eme. Con este traballo, NGD inaugurou unha nova maneira de concibir a danza e a música feita en Galicia.

No seu segundo traballo, Engado, NGD consolídase como a proposta máis sólida e innovadora do mundo da danza e a música con raíces galegas. Incorpora no seu repertorio elementos do jazz, dando a coñecer a súa proposta en infinidade de lugares.

Despois de dous espectáculos nos que NGD sorprendeu ao público cunha nova linguaxe, coreográfica e musical, Tradicción sorprende utilizando elementos do seu propio imaxinario colectivo. A reinterpretación de tradición, terra, percusión, madeira, vento, forza, pobo, movemento, pel, destreza e virtuosismo.

A compañía
Dende a súa creación, Nova Galega de Danza tivo como propósito fundamental revisitar a música e a danza tradicionais de Galicia, dende unha visión contemporánea e cun interese particular naqueles aspectos do folclore que puidesen encontrarse camiño de desaparecer ou que tivesen quedado relegados polos cambios dos gustos. O resultado son traballos de creación musical e danza contemporánea galega nos que se reflicte o noso folclore.

Compartir: