REHABILITACIÓN

O alcalde destaca a importancia das escavacións no castelo da Rocha para recuperar parte da historia de Santiago

14/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitaron as obras que se están a realizar no castelo da Rocha. Esta actuación, que se realizan no marco do recinto amurallado, está permitindo descubrir importantes referencias sobre a estrutura, a historia e o valor da fortaleza.

Ángel Currás destacou a importancia desta intervención, cun investimento dun millón de euros, para "a recuperación, sinalización e plan director do castelo da Rocha Forte". Así, agarda que, tras estes traballos, que cualificou de "meticulosos" e "modélicos", este equipamento "poida ser visitable dentro duns meses, recuperando deste xeito "parte da historia de Santiago de Compostela".

Lembrou o alcalde que estamos ante "un dos castelos medievais máis importantes da mitra compostelá, escenario de importantes acontecementos históricos dende o século XIII ao XV". De aí o "interese patrimonial e cultural en recuperalo", reiterou.

As escavacións en marcha están deixando importantes achados, claves para coñecer a estrutura e estado do interior do castelo, reveladores á vez da súa historia e valor. Os traballos actuais realízanse no marco do recinto amurallado, sen saír del.

O proxecto para a posta en valor da fortaleza da Rocha inclúe tamén, de forma complementaria, a edición dunha publicación e a apertura dunha páxina web sobre o Castelo co obxecto de dalo a coñecer e difundir o seu valor patrimonial e histórico. A elaboración destes instrumentos de divulgación xa foi adxudicada.

Compartir: