XUVENTUDE

O I Certame de Fotografía co Móbil promove a creatividade e a expresividade sentimental da mocidade compostelá

14/10/2013 A Concellería de Xuventude convoca o I Certame de Fotografía co Móbil, Foto con sentimento. Este concurso quere promover e premiar a creatividade dos mozos e mozas afeccionados á fotografía e potenciar o uso alternativo das novas tecnoloxías.

Os participantes neste certame deberán plasmar nas súas instantáneas, tomadas cun teléfono móbil, unha serie de sentimentos, encadrando as fotografías en calquera punto da cidade, segundo explicou en rolda de prensa a concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez. Así, as fotos deberán representar o amor, o odio, a ledicia ou a tristeza.

Os participantes deberán ser mozos e mozas de 16 a 30 anos, empadroados en Santiago ou que estean realizando os seus estudos nun centro educativo do municipio. Terán como data límite para inscribirse no certame o 18 de novembro. As solicitudes presentaranse a través do envío da documentación á dirección de correo electrónico certamefotomobil@santiagodecompostela.gal.

O premio do concurso consistirá na reprodución das obras en formato papel para que formen parte dunha exposición de novos creadores, que se abrirá no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche en 2014. Ademais, o gañador recibirá unha Tablet Kindle Fire HD, de 8,9 pulgadas.

Outros cursos de fotografía
A concelleira recordou que a programación de Xuventude para este último trimestre do ano inclúe tamén dous cursos de fotografía, un de iniciación á fotografía dixital e outro de retoque dixital con Photoshop. Ambos realizaranse no mes de novembro: o primeiro na Casa das Asociacións de Cornes e o outro no CSXM do Ensanche. A inscrición está aberta nestes dous cursos gratuítos.

Máis información sobre o certame no Departamento de Xuventude:
Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche
(Rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16)
Tfno: 981 543 001 Fax: 981 543 002
E-mail: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Compartir: