ALCALDÍA

Asínase o convenio para a construción do parque comarcal de bombeiros

01/04/2005 En 26 días abrirase o prazo para a presentación de plicas coas ofertas para a construción do edificio e, segundo anunciou o Alcalde compostelán, será no mes de xuño cando se coloque a primeira pedra, de xeito que o Parque Comarcal podería ser efectivo antes de finais do próximo ano.

A sede da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local acolleu hoxe a sinatura do convenio para poñer en marcha o parque comarcal de bombeiros en Salgueiriños.

O Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia, Xesús Carlos Palmou Lorenzo, o Presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o Alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, foron os encargados de levar a cabo a sinatura deste convenio.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, manifestou que "este é ó último paso decisivo na creación do parque comarcal de Bombeiros" no acto de formalización da sinatura. Ademais, quixo destacar que "chegamos hoxe ao final dun camiño que iniciamos hai tres anos, que supón o culmen da dotación humana e de material que para os cidadáns é a efectividade do servicio é moito máis importante".

Sánchez Bugallo recordou que esta colaboración xa está materializada coa renovación do parque móbil e material dos bombeiros, a ampliación do cadro de persoal, que pasou de 43 efectivos aos 69 actuais e que no próximo ano serán 76, e por fin á construción do propio Parque, que ten un prazo de execución de 18 meses.

O alcalde felicitouse polo espíritu de colaboración mantida entre as tres institucións que permite "o éxito para aunar esforzos e poderlle prestar mellores servicios á cidadanía".

Documentos relacionados



Compartir: