EDUCACIÓN

Comeza un ano máis o curso para a obtención do Graduado en Educación Secundaria de Adultos

11/10/2013 Preséntase un ano máis, en colaboración coa Fundación Radio ECCA, un curso de preparación para a obtención do Graduado en Educación Secundaria de Adultos en Santiago. Terá lugar nas instalacións do CEIP Apóstolo Santiago (rúa Proxecto Vagalume – A Almáciga) a partir do 17 de outubro.

A concelleira de Educación, María Castelao, e a directora da Fundación Radio ECCA en Galicia, Carmen Dios, presentaron estas clases, que se impartirán todos os martes e xoves de 19:30 a 21:30 horas. O xoves 17 de outubro, ás 19:00 horas, realizarase a presentación deste curso e a formalización da matrícula, polo que os interesados deberán presentarse nesta convocatoria.

O exame para a obtención do título de Graduado na ESA prepárase a través de tres ámbitos: científico tecnolóxico (matemáticas, ciencias naturais e tecnoloxía); sociedade (xeografía, historia, arte e música); e comunicación (lingua galega, lingua castelá e unha lingua estranxeira). É necesario superar os tres ámbitos para obter o título. No caso de aprobar un ou dous ámbitos, estes quedarían aprobados para seguintes convocatorias. Se algunha persoa tivese aprobado algún ámbito de 4º da ESO, sería validado e non precisaría examinarse del.

A proba libre que realiza a Xunta de Galicia ten dúas convocatorias, nos meses de maio e de setembro. No último proceso de matrícula realizado inscribíronse 40 alumnos e alumnas de Santiago, dos que o 60% superou a proba.

Direccións relacionadas



Compartir: