ALCALDÍA

A cidade gaditana de San Fernando entregou a súa Medalla aos veciños de Angrois

11/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asistiron ao acto de entrega da Medalla da Cidade de San Fernando (Cádiz) aos veciños da parroquia de Angrois, en recoñecemento ao seu labor no accidente ferroviario do 24 de xullo. Nesta traxedia faleceran cinco persoas orixinarias deste municipio andaluz.

O rexedor compostelán acompañou a representación dos veciños de Angrois na recepción da Medalla, nun acto que se celebrou no Real Teatro de Las Cortes. Tras a lectura da acta de concesión da distinción e a entrega da mesma, interviñeron tanto o alcalde de Santiago como o de San Fernando, José Loaiza, ademais do presidente da Xunta.

Na súa intervención, o alcalde agradeceu a concesión da medalla aos homes e mulleres da parroquia de Angrois e lembrou os veciños de San Fernando falecidos na traxedia ferroviaria: "Sei que coa medalla non se pretende compensar o que estes veciños tiveron que vivir ou o recordo que aínda asoma a súa mirada; sei que coa medalla se pretende agradecer e acompañar a estes veciños no seu pesar; e sabemos sincero o sentimento de quen a concede, porque quen a concede é unha cidade que perdeu a cinco dos seus naquela curva do destino; e é San Fernando unha cidade que, como poucas en España, posúe un patrimonio histórico de heroísmo solidario".

Tras recordar que os veciños de Angrois recibirán tamén a Medalla de Ouro da Cidade de Santiago, dirixiuse aos familiares e amigos das vítimas do tren descarrilado, falándolles das bágoas vertidas polos composteláns polos falecidos. "Oxalá as bágoas e a pena de tantas compostelás e composteláns puideran restar algunhas bágoas e algunha pena aos achegados das persoas falecidas", indicou.

Pola súa parte, o presidente da Xunta asegurou que, a pesar de que "o dano é aínda recente e a ferida perdurará", a traxedia acaecida en Santiago "déixanos un lugar para reflexionar sobre a importancia do traballo conxunto". Considerou que, "dende a unidade, Galicia coñeceu os efectos reparadores da axuda mutua ante unha das traxedias máis duras que temos vivido; e, nesa unidade, atopou o consolo que brindar a todos aqueles a quen ese tren arrebatou a esperanza". Ese impulso solidario, proseguiu, "foi a forza para que, xuntos, puidésemos facer fronte á angustia da vulnerabilidade e a incerteza que trouxeron consigo as horas seguintes ao accidente que tamén aquí, en San Fernando, se fixeron sentir".

Núñez Feijóo indicou que a medalla entregada ao veciños de Angrois "non só sela o perdurable vínculo que uniu no recordo a Santiago e San Fernando; senón que simboliza o valor do apoio recíproco entre territorios". Así mesmo, instou a dedicar este acto de homenaxe á lembranza dos falecidos e como consolo ás súas familias.

A cerimonia contou coa actuación musical do cuarteto de corda da Orquesta Manuel de Falla, que interpretou os himnos de Galicia, Andalucía e España.

Antes deste acto, Ángel Currás e Alberto Núñez Feijóo foron recibidos no Concello de San Fernando e asinaron no Libro de Honra. Ademais, mantiveron un encontro coa comunidade galega de Cádiz.

Recoñecemento aso colectivos municipais
As homenaxes aos participantes no operativo de emerxencia e atención ás vítimas e familiares do accidente do tren Alvia do 24 de xullo continuarán o vindeiro martes, 15 de outubro, cun acto de recoñecemento aos colectivos municipais. A cerimonia celebrarase a partir das 12:00 horas no Salón Nobre do Pazo de Raxoi.

Documentos relacionados



Compartir: