MOBILIDADE

Unha exposición explica na Alameda como chegan os carburantes aos consumidores

11/10/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Luis Bello, e a xefa territorial da Compañía Loxística de Hidrocarburos (CLH) na Coruña, Susana Vázquez, acompañados polo responsable de CLH na Zona Norte, Rafael Grande, e polo xefe da instalación aeroportuaria, Manuel Fuente, inauguraron a segunda edición da exposición itinerante Movemos a enerxía que move o mundo, que esta compañía organizou para explicar o camiño que percorren os carburantes ata chegar aos consumidores finais. A exposición pode visitarse este venres no paseo da Ferradura da Alameda, de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 20:00 horas.

A mostra é gratuíta e está dirixida a todas as persoas que queiran saber máis sobre a loxística dos produtos petrolíferos. Ademais, para fomentar o coñecemento entre todo tipo de públicos, concertáronse visitas con grupos de alumnos de centros escolares, así como con outros colectivos vinculados á actividade de CLH.

A exposición instalouse nun autobús especialmente acondicionado, cuxo interior dispón de paneis informativos, monitores táctiles, unha gran pantalla na que se exhiben vídeos corporativos e unha sala de conferencias, onde un educador explica de maneira didáctica as principais actividades que realiza a compañía.

A campaña Movemos a enerxía que move o mundo visitará, entre finais de 2013 e principios de 2014, una trintena de municipios nos que CLH dispón de infraestruturas, situados en Galicia, Asturias, País Vasco, Navarra, A Rioxa, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana e Baleares.

O Grupo CLH está presente, a través da súa filial CLH Aviación, no aeroporto de Santiago de Compostela, onde subministra combustibles de aviación ás aeronaves que operan na súa terminal.

Compartir: