COMERCIO

Trinta e tres establecementos participarán o 19 de outubro na xornada "Estrea Estilo!"

10/10/2013 A Concellería de Comercio puxo en marcha o programa de dinamización comercial Estrea Estilo!. Nesta xornada, o pequeno comercio compostelán poderá presentar, exhibir e vender as novas coleccións outono inverno 2013-2014 en diversos espazos do Hotel Araguaney. O evento celebrarase o sábado 19 de outubro, de 10:00 a 15:00 e de 16:00 a 21:00 horas.

Foron 33 os establecementos comerciais que finalmente formalizaron a súa inscrición. Son os seguintes: Allegra shop SL, Como Pez en el Agua, Cuplé, El Taller de Fer, Simplemente Luna, El Vestidor de Alicia, Kookai Naf Naf Santiago, Celme, Lio Lio, Compañía Cervecera Peregrina S., Gatroteca SCQ, Mokasu, Vide, Vide!, Dandara, Mana Malu, Intersport Amancio, Patucos&Co, A Cesta da Saúde, Bulideira, Kiedis, Dulce Calvo SL, Spiral, Balcondemoda, Gabbata, Freesite, O Pazo das Musas, De CotÍo, Óptica Baltar, Ela Diz, Frissé, Calzados Seijas, Toxo e O Bandullo do Lambón.

A xornada Estrea Estilo! levará a un contexto elegante e atípico as novas coleccións de moda, deseño, complementos, etc. dos comercios da cidade, exhibíndoos en 16 espazos do Hotel Araguaney. Desta forma, os visitantes poderán realizar un atractivo circuíto por 15 habitacións e dous salóns do hotel convertidos nunha pequena fiestra ao universo de novidades que cada establecemento queira presentar aos seus clientes.

Os produtos de moda téxtil e moda calzado exporanse nas habitacións e pertencerán a dous comerciantes de distintos sectores, de forma que a oferta se enriqueza e se complemente sen entrar en competencia: traxes de cerimonia con zapatos de deseño, roupa xuvenil con calzado deportivo, roupa infantil con moda estilo urbano, etc. Os visitantes terán a oportunidade de probar as prendas nos aseos das habitacións do hotel habilitados a modo de probador e efectuar as súas adquisicións a prezos especiais e rodeados de incentivos e sorpresas, facendo rendible o seu tempo de ocio e compras nunha xornada lúdica e innovadora chea atractivos.

No caso das novidades en complementos e delicatessen, os produtos exhibiranse en pequenos stands individuais na galería de exposicións do hotel, amenizados por música en directo, degustacións e sorteos que de seguro propiciarán as vendas nun ambiente distendido e alegre.

Os clientes poderán así establecer un contacto directo coas pezas de nova colección, que estarán expostas de forma novidosa e orixinal, e tamén cos comerciantes que, tras recibilos, poderán explicarlles a súa persoal visión das novas tendencias sorprendéndoos con rifas para sorteos de agasallos, vales para ao acceso aos servizos complementarios planificados pola organización e outras sorpresas que de forma voluntaria queiran ofrecer os comercios participantes, como canapés de recibimento, copa de cava para os compradores, "busto-vivo" para exhibir as pezas de nova colección, etc.

Para concluír a visita, os participantes da xornada Estrea Estilo! poderán acudir ao Salón Rahid do Hotel Araguaney, no que gozarán de servizos complementarios gratuítos baixo demanda (gardería, ludoteca para cativos e servizo de personal shopper para o asesoramento nas compras), así como agasallos para os que teñan realizado compras aos comerciantes participantes: sesións de asesoría de imaxe, pintado e decoración de unllas e maquillaxe día e noite.

Compartir: