XUNTA DE GOBERNO

Iníciase a contratación da obra para mellorar a accesibilidade ás zonas altas da Almáciga

10/10/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o inicio do expediente doutras das obras contidas no proxecto para a mellora da mobilidade e da accesibilidade na Almáciga, incluída no programa Urbana Santiago Norte, financiado con fondos europeos FEDER. Trátase nesta ocasión das obras para mellorar a accesibilidade ás zonas altas do barrio dende as rúas Pastoriza e Basquiños.

Segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, a superficie afectada por esta intervención será de 3.449 metros cadrados, cun orzamento de 550.822 euros e un prazo de execución de seis meses.

Esta intervención permitirá modificar a xeometría e o acabado da rúa Pastoriza, de tal xeito que, a pesar da elevada pendente, poida transitar sen dificultade o transporte público. Tamén se vai mellorar e adecuar as infraestruturas de servizos urbanísticos deste ámbito, ata Santa Clara, afrontando á súa vez cuestións como os distintos niveis de calzada e beirarrúa ou os obstáculos existentes para os peóns.

Subvención para desempregados
Na sesión da Xunta de Goberno tamén se deu conta da concesión dunha subvención da Xunta de Galicia para a contratación de desempregados en risco de exclusión social da Xunta, por importe de 46.352,44 euros. Permitirá contratar a cinco traballadores.

Melloras no Parque de Bombeiros
Outro dos acordos foi o inicio do expediente para contratar o subministro de portalóns para o Parque de Bombeiros por importe, de 30.008 euros e un prazo dun mes.

Documentos relacionados



Compartir: