EDUCACIÓN E DEPORTES

Uns 400 escolares aprenderá técnicas de reanimación cardio-pulmonar nunha xornada na praza da Quintana

10/10/2013 Os concelleiros de Educación, María Castelao, e de Deportes, Adrián Varela, acompañados polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, José Antonio Iglesias, presentaron Reanima un corazón, unha actividade de formación en técnicas de reanimación cardio-pulmonar (RCP) para escolares. Celebrarase o mércores 16 de outubro, entre as 10:00 e as 12:00 horas, na praza da Quintana.

Coincidindo co Día Europeo da Morte Súbita, o Concello de Santiago e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 organizan esta actividade para escolares de 5º e 6º de Primaria: unha demostración e un adestramento masivo arredor da reanimación cardio-pulmonar. Convidouse os centros escolares da cidade a participar nesta actividade, co obxectivo de que se poidan formar uns 400 nenos e nenas. A inscrición está aberta ata o 15 de outubro.

A actividade consistirá nun adestramento masivo para saber como actuar ante unha posible parada cardio-respiratoria. Os estudantes son un grupo de poboación no que pode resultar moi eficiente a instrución en reanimación cardio-pulmonar (RCP) básica, pola súa capacidade de aprender e polos efectos da súa formación a longo prazo. Os participantes, en grupos de 10 alumnos/as, contarán cun instrutor acreditado, que dirixirá as operacións de reanimación que se van realizar cun moneco. Para facilitar a organización desta actividade é importante que os escolares estean acompañados do/a seu profesor/a. Os escolares recibirán un diploma acreditativo da súa participación.

A capacidade para recoñecer as situacións de gravidade, chamar ao sistema de urxencias e facer unha reanimación básica ata a chegada da axuda, é esencial para salvar a vida da vítima. A aprendizaxe destas habilidades demostrou ser máis efectiva en idades temperás, especialmente nas comprendidas entre os 11 e os 13 anos.

Ao fío desta materia, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, anunciou que o seu Departamento ten previsto dotar de desfibriladores semiautomáticos as principais instalacións deportivas da cidade.

Compartir: