CENTROS SOCIOCULTURAIS

Visitas guiadas para centros educativos á exposición "Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia"

09/10/2013 O programa Compostela Cine Classics 2013 ten preparada unha interesante exposición que leva por título Os cines de Compostela. Fotogramas da nosa historia, que se poderá visitar no Centro Sociocultural das Fontiñas a partir do 5 ao 30 de novembro.

Como actividade complementaria para esta exposición, Compostela Cine Classics ofrece a posibilidade de solicitar visitas guiadas para grupos de alumnos de secundaria e bacharelato dos centros educativos da cidade. As visitas terán lugar os días 7, 14 ,21 e 28 de novembro, en horario de 10:00 a 10:30 ou de 10:30 a 11:00 horas.

Os interesados poden inscribirse nestas visitas a partir do 15 de outubro chamando ao CSC das Fontiñas (981 528 750) ata cubrir as prazas dispoñibles. Cada visita acollerá a un máximo de 35 persoas (alumnos/as + profesores/as).

A exposición pretende ser un repaso sentimental polo século XX e comezos do XXI en Santiago de Compostela, co fío condutor das salas de cine que existiron na cidade, así como polo que significaba o cine como feito social e cultural.

Ademais destas visitas guiadas en torno á exposición, haberá tamén un faladoiro co título Santiago e os seus cines. Un pequeno repaso pola nosa historia, conducido por Jesús Ángel García, profesor titular da USC e coautor do volume Os cines de Galicia). Celebrarase o xoves 14 de novembro, ás 20:00 horas, no CSC das Fontiñas. A entrada é libre ata completar o aforo.

A Concellería de Centros Socioculturais está informando estes días aos directores dos centros educativos destas visitas mediante o envío dunha carta.

Compartir: