CULTURA

Vinte e un artistas exhiben o seu proceso creativo en "O bosquexo do mundo", nova mostra no Auditorio de Galicia

09/10/2013 Presentouse en rolda de prensa O bosquexo do mundo, unha exposición coproducida polo Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o Auditorio de Galicia e a Fundación Luis Seoane (A Coruña). A mostra inaugúrase este xoves 10 de abril ás 20:00 horas, coa presenza dos comisarios e de varios dos artistas. Estará aberta ata febreiro de 2014.

A mostra foi presentada polo alcalde, Ángel Currás, acompañado pola directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira; o director do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) Iñaki Martínez Antelo; os comisarios da exposición, Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre; e o director-xerente do Auditorio de Galicia José Victor Carou.

O bosquexo do mundo sérvese da ambigüidade e riqueza do termo "bosquexo" como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.

A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos 70. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.

A relación de 21 artistas que participan nesta exposición é a seguinte: Marta Bran (Melide, A Coruña, 1986); Berta Cáccamo (Vigo, 1963); Bosco Caride (Vigo, 1963); Rosendo Cid (Ourense, 1974); Tamara Feijoo (Ourense, 1982); Beatriz Lobo (Vigo, 1985); Juan Loeck (Santander, 1959); Rut Massó (Vigo, 1970); Din Matamoro (Vigo, 1958); Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); Santiago Mayo (Tal, A Coruña, 1965); Tatiana Medal (A Coruña, 1971); Miguel Mosquera (Ourense, 1953); Doa Ocampo (Sober, Lugo, 1986); Kiko Pérez (Vigo, 1982); Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965); Isaac Pérez Vicente (O Rosal, Pontevedra, 1955); Juan Carlos Román (Bilbao, 1961); Teo Soriano (Mérida, Badaxoz, 1963); Tayone (Vigo, 1980) e Mauro Trastoy (Ferrol, 1971).

Os comisarios
Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, artista plástico e crítico de arte respectivamente, ambos os dous cunha dilatada carreira ás súas costas, decidiron hai un par de anos coordinar os seus esforzos e constituírse en unidade indivisa para a acción curatorial. O bosquexo do mundo é o terceiro proxecto expositivo froito da súa colaboración. Con anterioridade produciron Casus belli. Refutación do contexto (Auditorio de Galicia, 2011), e En plenas facultades. Artistas docentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Museo de Pontevedra, 2013). Nada fai supoñer que a cousa se vaia parar aquí.

Compartir: