PARQUES E XARDÍNS

Avanzan a bo ritmo as obras para recuperar a Finca do Espiño como parque público

09/10/2013 A concelleira de Urbanismo e Sostibilidade, María Pardo, visitou a Finca de Espiño, onde continúan as obras para recuperar este espazo verde de 18.000 metros cadrados como parque público. As tres zonas nas que se dividirá o parque estarán dispoñibles para os cidadáns no verán de 2014.

Segundo explicou María Pardo, nestes intres estase a traballar nunha das zonas, antes invadida de maleza, que contará cunha zona axardinada a base fundamentalmente de céspede e de árbores froiteiras e autóctonas. Recuperaranse algúns dos exemplares e plantaranse outros novos. Tamén haberá un pequeno estanque.

Na segunda zona, a carón do palacete, acondicionarase o xardín tradicional existente. Inventariáronse ata 45 especies, moitas delas singulares.

Finalmente, recuperarase a zona de bosque autóctono, duns 10.000 metros cadrados. Trátase aquí de conservar o máis posible este hábitat. Reporanse especies, manteranse outras, limparase e habilitaranse camiños e sistemas de rego e de alumeado.

En palabras da concelleira, o resultado final será o dun "parque espectacular", caracterizado pola súa "singularidade e variedade". O prazo de execución da obra é de seis meses, polo que confía en que, se o clima acompaña, o novo parque público estea dispoñible para os cidadáns no verán de 2014.

Rehabilitación do palacete
Seguindo coa Finca do Espiño, María Pardo anunciou que este mesmo mes se iniciarán os trámites para contratar a obra de rehabilitación do palacete. Indicou que non se vai construír o proxecto deseñado por Jean Nouvel, xa que "non cumpre coa normativa de accesibilidade e de eficiencia enerxética". De feito, dixo, este edificio quere ser un exemplo pioneiro en materia de aforro enerxético.

Finalmente, en relación coa superficie privada da Finca, lembrou que se está á espera da iniciativa dos promotores, se ben afirmou que o tema está nestes intres "paralizado". Sobre o uso que se lle dará finalmente a esta parcela, afirmou que "non hai tomada ningunha decisión e o Concello estudará as propostas, incluída, de producirse, a inicial de facer residenciais, pero coa figura urbanística legal, non utilizando fraudulentamente a figura do residencial comunitario".

Compartir: