BENESTAR SOCIAL

O equipo de traballo do barrio de Vite acorda a posta en marcha de accións de reforzo educativo para menores e adultos

09/10/2013 O salón de actos da Casa das Asociacións de Benestar Social acolleu unha nova xuntanza técnica do barrio de Vite. Contou coa presenza da concelleira de Benestar Social, María Castelao, acompañada pola xefa de sección de Servizos Sociais, Ángeles Botas.

O equipo de traballo, que se reúne habitualmente unha vez ao mes, está composto por técnicos de varias entidades que están a traballar no entorno comunitario do barrio de Vite e contorna. Na xuntanza participaron representantes de: Centro de Saúde de Vite, Equipo de Dinamización Urbana Santiago Norte, Cruz Vermella, Fundación Secretariado Xitano, Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes, Instituto de Ensino Secundario Xelmírez II, Centro de Educación Infantil e Primaria de Vite, Plan Comunitario de Vite, IGAXES 3 e Servizos Sociais Municipais.

Realizouse un repaso dos obxectivos acadados e presentáronse propostas para o presente curso, así como unha posta en común das actividades que realizan as diferentes entidades. Acordouse tamén a formación dun grupo de traballo e coordinación para a vindeira posta en marcha de actividades de reforzo educativo na zona, destinadas a menores e adultos con diferentes necesidades.

Compartir: