DEPORTES

Aberta a inscrición na XXXVI Carreira Pedestre Popular de Santiago

08/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, asistiron na sede de El Correo Gallego -organizador da proba- á presentación da XXXVI Carreira Pedestre, que se celebrará o domingo 27 de outubro.

Un ano máis, a carreira partirá da avenida de Xoán XXIII. Os adultos sairán ás 10:00 horas e os escolares ás 11:30 horas. O percorrido será o mesmo que en anos anteriores, salvo pola modificación provocada polas obras da rúa de San Pedro. Así, unha vez que percorran a rúa dos Concheiros, os deportistas terán que desviarse á dereita pola Angustia, para continuar á esquerda pola rúa do Rosario e Bonaval, enlazando coa ruta habitual na Porta do Camiño.

A inscrición está aberta e poderá formalizarse online ou de forma presencial en El Corte Inglés de Santiago ata o sábado 19 de outubro, aínda que se ampliará o prazo ata o día 22 cun custo adicional. O prezo da inscrición para maiores de 16 anos é de cinco euros, excepto para os que teñan chip de Championchip en propiedade, que só aboarán tres euros. O importe farase efectivo no momento da inscrición. A inscrición de escolares terá un custo de tres euros.

En canto aos premios, os tres primeiros en categoría masculina e feminina levarán trofeo de prata e 1.000, 800 e 600 euros, respectivamente. O primeiro galego e a primeira galega en cruzar a meta terán como galardón 400 euros e un trofeo. Tamén haberá premios de menor contía económica para os seguintes clasificados en cada categoría.

Compartir: