ECONOMÍA

Concello, Cámara e Fundación Incyde colaborarán na creación e consolidación de pequenas e medianas empresas

08/10/2013 A concelleira de Economía, Emprego, Comercio, Turismo e Mercados, Reyes Leis; o presidente da Cámara de Comercio de Santiago; Jesús Asorey, e o director da Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Fundación Incyde), Javier Collado, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha dun programa para a creación e consolidación de empresas e autoemprego.

Este programa está dirixido a emprendedores que desexen facer un proxecto viable de creación de empresa, así coma aos empresarios/as que queiran consolidar o seu negocio, mellorar a rendibilidade da súa empresa e avaliar outras alternativas de expansión. Para iso, a Cámara de Comercio e a Fundación INCYDE, farán un programa de formación dirixido á creación e consolidación de empresas e o autoemprego. O Concello apoia esta iniciativa, que se suma ao traballo de asesoramento e de fomento da cultura emprendedora que xa se vén realizando dende o Cersia Empresa, segundo lembrou Reyes Leis.

Javier Collado explicou que haberá un máximo de 25 prazas neste programa. A selección realizarase entre os inscritos en base a unha entrevista, na que se avaliarán as posibilidades dos proxectos presentados.

Os seleccionados participarán ao longo duns tres meses nun programa que inclúe consultorías individualizadas e adaptadas á propia dispoñibilidade horaria dos participantes, e formación en diversas materias de xestión. O programa comezará a desenvolverse o 24 deste mes de outubro. Ademais, superados estes tres meses, apuntou Jesús Asorey, a Cámara seguirá prestando asesoramento a estes emprendedores durante dous anos, ofrecéndolles tamén a posibilidade de aloxarse no viveiro de empresas da entidade.

Documentos relacionados



Compartir: