ALCALDÍA

O alcalde reitera a aposta municipal polo reforzo das rutas actuais en Lavacolla e pola apertura de novos destinos internacionais

08/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou que nas vindeiras semanas vai manter reunións con varias compañías aéreas, co fin de coñecer os seus plans de para o aeroporto de Lavacolla e de formularlles propostas municipais ao respecto. Neste sentido, indicou que aposta do Concello pasa por reforzar rutas as rutas xa existentes e pola apertura de destinos internacionais "clave".

Unha das compañías coas que se xa se mantivo contacto telefónico e coa que se fixará unha próxima reunión é Ryanair. A propósito da mesma, o alcalde considerou "interesante" a posibilidade de establecemento dunha base en Santiago, pero apuntou que "primeiro quero coñecer os plans da compañía para o aeroporto nos próximos tres anos". Neste sentido, indicou tamén que "antes de falar de cifras, quero coñecer os plans das compañías".

Esta será a liña que se trazará nas reunións con todas as aerolíneas. "Queremos coñecer as súas propostas e presentarlles a nosa proposta", insistiu Ángel Currás, sempre coa idea de consolidación e apertura de novas rutas, e da "conveniencia non dunha permanencia puntual, senón dun horizonte máis lonxano". O rexedor amosouse "optimista" en relación a estas reunións e puxo como exemplo o éxito das xuntanzas que levaron finalmente a que Turkish Airlines se implantara en Lavacolla.

Sobre posibles estratexias para promover a apertura de novas rutas, o alcalde segue confiando en que "se poida abrir a porta á posibilidade de redución de taxas aéreas" ou de incentivos nas mesmas. Ademais, reiterou a súa defensa do potencial do aeroporto de Lavacolla como "o mellor aeroporto de Galicia e o máis importante do Noroeste peninsular". Así, citou características como a súa apertura 24 horas, as súas instalacións ou a súa vocación internacional.

Preguntado pola coordinación, Ángel Currás afirmou que "a coordinación é posible si se quere facer posible" e que segue "apostando polo entendemento". En relación á proposta dunha central de compras realizada pola Xunta de Galicia, indicou que lle parece "unha boa opción, partindo da radiografía formulada polo informe de AENA", pero que "queda por definir o seu financiamento".

Compartir: