ALCALDÍA

Proxecto Home traballa na creación dun albergue con fins de inserción laboral na súa antiga sede de Virxe da Cerca

07/10/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse co director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo, quen lle explicou os proxectos que a entidade ten en marcha, como o dun albergue co fin de facilitar a reinserción laboral das persoas rehabilitadas.

Ángel Currás realizou un recoñecemento ao labor de Proxecto Home e interesouse polas novas iniciativas de inserción laboral da entidade. Así, Ramón Gómez explicou que un dos proxectos é o de crear un albergue na antiga sede de Proxecto Home na rúa Virxe da Cerca (agora as instalacións están no Castiñeiriño).

Esta iniciativa, ao igual que o centro de equitación creado nas instalacións de Cernadas ou outro proxecto de xardinería en marcha, ten un obxectivo de inserción laboral das persoas rehabilitadas das súas adiccións. O director de Proxecto Home estimou que, con estas tres iniciativas, se poderían crear uns 20 ou 25 postos de traballo.

O Concello estudará posibles fórmulas de colaboración con estes proxectos. Na actualidade, a colaboración materialízase a través dun convenio anual, cunha achega municipal destinada a soster os programas terapéuticos de Proxecto Home. Esta institución leva xa 23 anos de presenza en Santiago e en Galicia.

Compartir: