DEPORTES

Percorrido solidario pola ribeira do Sarela

06/10/2013 Celebrouse a XII Camiñada ao Pedroso, organizada polo Club Deportivo Fontiñas en colaboración co Concello. Unhas cen persoas participaron na andaina, que nesta ocasión tivo un carácter solidario, xa que todo o recadado foi para UNICEFF.

A XII Camiñada ao Pedroso partiu da praza do Obradoiro e seguiu o curso do río Sarela, atravesando fermosos paraxes boscosos da ribeira ata A Peregrina. Alí, os participantes dirixíronse á faldra do Pedroso, rematando o percorrido na Granxa do Xesto.

A ruta discorreu ata o Romaño por unha senda peonil habilitada polo Concello ao longo da ribeira do Sarela. No resto do percorrido a carón do río, o Club Fontiñas realizou unha limpeza para facelo perfectamente transitable.

Todos os fondos recadados -grazas á cota de inscrición de cinco euros- serán destinados ao traballo de UNICEF. Como exemplo do que un pequeno esforzo pode supor para os máis desfavorecidos, con 5 euros pódese realizar un tratamento fronte á desnutrición aguda a catro nenos durante un día.

UNICEF traballa con equipos estables e profesionais en máis de 150 países para tratar de garantir a nenos e nenas o dereito a sobrevivir e a desenvolverse dende a primeira infancia ata a adolescencia. A organización, que é o maior provedor de vacinas para os países en desenvolvemento, traballa para mellora a saúde e a nutrición da infancia; o abastecemento de auga e saneamento de calidade; a educación básica de calidade para todos os nenos e a protección dos menores contra a violencia, a explotación e o VIH/SIDA.

Compartir: