CULTURA

Funboa Escénica representa "Oisseau rebelle" na Sala Agustín Magán

04/10/2013 A compañía galega Funboa Escénica leva unha das súas propostas, Oisseau rebelle ao novo espazo teatral da cidade, a Sala Agustín Magán, no Centro Sociocultural de Santa Marta.

Oisseau rebelle (Paxaro rebelde) é unha comedia na que o corazón no só se presenta como metáfora, senón como músculo e como alimento. O azar, a dor, a soidade, o ideal, o primeiro amor, todas esas mentiras que aprendemos nas películas e telenovelas venezolanas.

Somos vítimas e verdugos dese obxecto de desexo. Somos xogadoras do tres en raia, do escondite, do bico, verdade e consecuencia. Estamos no meollo, no ollo do furacán, no centro de gravidade permanente. Sufrimos máis ca ninguén, amamos mal, tarde e a rastras. Buscamos a Nemo, a Jacks, ó home do saco. Pintamos un corazón co teu nome dentro, unha acuarela de ilusión, a mona. Desexamos amar, voar, saltar sen rede. Temos medo da noite que virá, a escuridade cae sobre min...

Funboa Escénica é unha nova compañía galega das artes escénicas que nace no ano 2010 da man de Cristina Balboa e Paulina Funes. A compañía xorde co desexo de reinventar a súa idea da escena. A súa proposta é sincera, directa e orixinal na procura dun bo traballo. Funboa Escénica quere reivindicar a creación contemporánea en Galicia.

Compartir: