URBANISMO

O Concello inicia a contratación de obras por máis dun millón de euros na Almáciga e en varias rúas do Ensanche

02/10/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, comunicou a aprobación en Xunta de Goberno da apertura do procedemento para contratar tres obras máis de mellora da mobilidade na Almáciga, incluídas no programa Urbana Santiago Norte. Tamén se abriu o expediente para adxudicar novas obras de renovación de firmes e beirarrúas no Ensanche. Todas estas actuacións suman investimentos por máis dun millón de euros.

A actuación do USN contempla obras en catro ámbitos fundamentais: as rúas Basquiños e Pastoriza, un corredor verde entre os parques da Almáciga e Bonaval, a rúa Escultor Asorey e a rúa Caramoniña. Á pequena obra destinada á creación dunha plataforma de xiro para o autobús urbano –adxudicada na semana anterior- súmanse agora tres máis.

Por un lado, aprobouse o proxecto de creación dun corredor verde que unirá o parque de Bonaval co parque da Almáciga. Destinarase un orzamento de 186.000 euros a unha actuación que permitirá a incorporación aos equipamentos verdes da cidade dunha zona de 6.160 metros cadrados. Manterase o uso de hortas urbanas que ten unha parte e, o resto, será parque urbano. Esta obra ten un prazo de execución de seis meses.

Caramoniña e Escultor Asorey
Outra das intervencións máis significativas terá lugar na rúa da Caramoniña, comprendida entre as rúas Valle-Inclán e Escultor Asorey. A mellora da pavimentación ou a reorganización (ou eliminación) do estacionamento nesta rúa serán algunhas das obras a realizar.

Ademais, o ámbito de actuación estenderase á parcela lindeira, un espazo libre detrás da rúa e conectado con Bonaval, incorporando outros 1.900 metros cadrados de zona verde.

Na rúa do Escultor Asorey vaise intervir para mellorar as condicións de accesibilidade, traballando para paliar na medida do posible os grandes desniveis (con pendentes de máis dun 18% nalgún tramo) a través da construción de patíns. Neste ámbito mellorarase a accesibilidade peonil e as condicións de acceso ás vivendas, a pavimentación e o mobiliario, facilitando a conexión co espazo libre da Caramoniña e conferindo á rúa un carácter máis estancial.

A obra en Escultor Asorey afectará a unha superficie de 840 metros cadrados, ten un orzamento de 220.000 euros e un prazo de execución de 4,5 meses. No ámbito da rúa da Caramoniña, o orzamento é de 330.756 euros e o prazo de execución de seis meses, actuando a obra sobre unha superficie de 2.650 metros cadrados.

Estes proxectos forman parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Renovación de firmes e beirarrúas no Ensanche
Tamén se abriu o procedemento de contratación da segunda e da terceira fase da renovación de calzadas e beirarrúas no Ensanche. Así, destinaranse 225.000 euros á reparación de beirarrúas nas rúas Doutor Teixeiro e República Arxentina e á renovación do firme en San Pedro de Mezonzo, no tramo comprendido entre República Arxentina e A Rosa. A isto hai que sumar a renovación de beirarrúas en Santiago de Chile, cun tipo de licitación de 101.000 euros. O prazo de execución destas actuacións é de 3 meses.

Segundo indicou a concelleira, tamén está listo outro proxecto, composto de moitas pequenas obras na case totalidade de rúas do Ensanche. Estes traballos iranse executando en 2014 en función da súa prioridade.

Estacionamento en Guadalupe
Outro dos proxectos aprobados foi o modificado da obra de colocación de céspede transitable nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro, no barrio de Guadalupe. O cambio permitirá dar cabida a máis vehículos. O custo desta obra é de 64.969 euros.

Mantemento do parque de Salgueiriños
Finalmente, a concelleira deu conta da adxudicación do servizo de conservación e mantemento do parque de Salgueiriños, reservado a centros especiais de emprego. O servizo adxudícase á Confederacion Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) por 96.000 euros anuais.

Compartir: