TURISMO

O traballo dos veciños consegue que o Entroido dos Xenerais da Ulla sexa declarado Festa de Interese Turístico de Galicia

30/09/2013 Os Xenerais da Ulla encabezarán o desfile do Entroido en Santiago en 2014. Farano xa co recoñecemento ao seu Entroido como Festa de Interese Turístico de Galicia. En Compostela, esta celebración ten lugar nas parroquias de Aríns, Angrois, Marrozos e O Eixo. A estas súmanse outros 23 lugares dos concellos de Boqueixón, A Estrada, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

O Pazo de Raxoi acolleu unha xuntanza de alcaldes e concelleiros de Santiago, Boqueixón, A Estrada, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces para valorar o recente recoñecemento por parte da Xunta de Galicia do Entroido dos Xenerais da Ulla como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Os representantes municipais quixeron destacar e agradecer o traballo dos veciños das parroquias dos seus respectivos Concellos onde se celebra esta tradición, xa que son os propios veciños os que manteñen vivo este particular Entroido, que se remonta ao século XIX e que hoxe en día conta cunha alta participación, crecente ano tras ano.

Os oito concellos comezaron a traballar conxuntamente na promoción dos Xenerais da Ulla en novembro de 2011. O traballo conxunto concretouse na sinatura dun protocolo de colaboración que tiña como obxectivo xeral promocionar dun xeito unificado as diferentes celebracións que teñen lugar en distintas parroquias dos oito concellos. Con este cometido, elaborouse a web www.xeneraisdaulla.com e editouse material promocional, coa colaboración das deputacións da Coruña e de Pontevedra.

Pero ademais, o protocolo de colaboración, que se asinou o 3de febreiro de 2012 no Pazo de Raxoi, tiña como obxectivo específico conseguir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia, para o cal se elaborou de modo conxunto un dossier sobre a celebración que serviu como base para a obtención do recoñecemento.

Para 2014, nos días anteriores á celebración deste Entroido tradicional, que o ano que vén se celebrará entre o 22 de febreiro e o 9 de marzo, ademais das actividades que xa se viñan realizando colectivamente –folletos, carteis, web, presentacións, etc- elaborarase un programa de actividades conxuntas dos oito Concellos, que inclúe o recoñecemento institucional aos veciños implicados, unha exposición ou un encontro de Xenerais, entre outros. Con estas accións preténdese continuar afondando no recoñecemento dos Xenerais e promocionar turisticamente esta senlleira tradición.

O Entroido da Ulla remonta as súa orixes a primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese século: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Así, os seus principais protagonistas son vistosas figuras que recrean estes momentos históricos.

Os personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun "exército" de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón, acontecidos durante o ano.

Compartir: