DEPORTES E FAMILIA

Todo listo para o XXIII Día da Bicicleta

27/09/2013 O vindeiro domingo, 29 de setembro, ás 10:30 horas, sairán do Centro Comercial As Cancelas os participantes no XXIII Día da Bicicleta. Un ano máis, o Concello aposta por esta xornada de lecer, deporte e familia, que nesta ocasión terá a súa meta na praza central da Cidade da Cultura.

O Día da Bicicleta non é unha competición, senón unha oportunidade de pasear polas rúas de Santiago nunha xornada de lecer e convivencia. Nesta ocasión, optouse por facer un percorrido algo diferente ao doutros anos, con saída no Centro Comercial As Cancelas e chegada na Cidade da Cultura. O Concello anima os composteláns a sumarse a esta xornada, que quere contribuír a promover a práctica do deporte saudable na cidade.

O prazo de inscrición segue aberto no punto de información do Centro Comercial As Cancelas, en horario de 10:00 a 21:00 horas. O mesmo día da carreira, o domingo 29, tamén se poderá formalizar a inscrición entre as 9:00 e as 10:00 horas, diante do centro comercial.

Os inscritos antes do 25 de setembro recibiron un vale por unha camiseta, que poderán recoller no propio centro o sábado 28 (de 10:00 a 21:00 horas) e o domingo 29 (de 9:00 a 10:00 horas).

Todos os inscritos entrarán no sorteo de agasallos que se realizará na praza central da Cidade da Cultura ao rematar o paseo. As persoas agraciadas deberán levar consigo no momento do sorteo o seu impreso numerado.

O uso do casco será obrigatorio para todos os participantes. Ao longo do percorrido haberá dous puntos de reagrupamento para reunir de novo todos aqueles ciclistas que queden retrasados. Ademais, TUSSA porá a disposición da carreira un autobús para recoller aqueles participantes que non se vexan capaces de realizar o percorrido na súa totalidade ou prefiran inicialo máis adiante.

Compartir: