BENESTAR SOCIAL

O Festival MusiCompostela trae outro novo concerto sen alcol este venres

26/09/2013 Este venres 27 de setembro, a partir das 22.00 horas, Bakin Blues Band e Agoraphobia actuarán no marco do Festival MusiCompostela no Pub Sonar. Este é o terceiro dos concertos programados polo Concello, dende a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), na súa aposta pola mocidade e a diversión coa intención de promover a concienciación dos máis novos de que non fai falta o alcohol para pasalo ben.

Estas accións son financiadas cunha subvención do Ministerio de Sanidade procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados, polo que o 70% do custe das actividades está subvencionado. O que se pretende na planificación destas actividades é poñer en valor, apoiar, facilitar actividades de ocio e tempo libre que potencien a creatividade, o esforzo, a amizade, a diversión, o ocio e outros valores incompatibles co consumo de substancias.

+ que fútbol
Tamén este venres, de 18:30 a 20:00 horas, no pavillón polideportivo de Quiroga Palacios, oportunidade para xogar ao fútbol grazas á actividade + que fútbol, enmarcada tamén no Plan de Acción Local para Prevención das Drogodependencias e financiadas nun 70% cunha subvención do Ministerio de Sanidade procedente dos bens decomisados.

O Concello quere facilitar a práctica de diversas actividades, deportivas, culturais ou de lecer a aqueles mozos que non atopan lugares onde desenvolvelas. Trátase de impulsar alternativas de ocio que máis adiante se poidan levar a cabo xa sen intermediación e de forma autónoma polos propios mozos.

A esencia de + que fútbol reside en potenciar o carácter socializador que ten este deporte, cun enfoque claramente preventivo e integrador. O seu obxectivo é que aqueles mozos que, sen desexar unha actividade regrada, desexan xogar ao fútbol, poidan facelo.

O éxito desta actividade é tal que, na edición do ano 2012, en actividades puntuais, chegáronse a xuntar ata 70 persoas para compartir o fútbol. A única condición e ir a pasalo ben. Fórmanse equipos informais e a sesión vai acompañada dunha merenda. Os xogadores poden tamén ser parte logo dun boletín ou mesmo dun rap.

Compartir: