ALCALDÍA

Nemenzo estrea o seu novo campo da festa

26/09/2013 Os veciños de Nemenzo contan xa cun novo campo para celebrar as festas patronais de Santa Cristina, o 27 e 28 deste mes de setembro e que tamén poderán utilizar como espazo de lecer. O alcalde compostelán, Ángel Currás, inaugurou o novo recinto, acompañado doutros integrantes da Corporación e dos membros da Asociación de Veciños.

O acondicionamento do campo da festa era unha demanda prioritaria da asociación veciñal de Nemenzo. Así o apuntou o alcalde, quen lembrou que esta era a única parroquia compostelá que non contaba cun espazo deste tipo. Agora, os veciños contan cun espazo para as festas, pero tamén para outras actividades de lecer e de convivencia veciñal.

Para a realización desta obra, o Banco de Terras de Galicia (BANTEGAL) cedeu de balde a parcela situada a carón da Igrexa. O investimento foi de 120.000 euros, dos que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rexional (AGADER) achegou o 84%.

A intervención consistiu no acondicionamento da devandita parcela. Unha parte pavimentouse con formigón e outra con xabre.

Finalmente, o alcalde recordou que hai outra intervención en marcha nesta parroquia, na igrexa de Santa Cristina, onde se está restaurando o retablo. Esta obra -dixo- permitiu descubrir "unhas pinturas moi interesantes ata agora ocultas".

Compartir: