CULTURA

Bigott chega á Zona C de Bonaval dentro do ciclo Íntimo & Acústico

25/09/2013 O zaragozano Bigott chega a Compostela da man do ciclo Íntimo & Acústico para dar un concerto este xoves 26, a partir das 21:00 horas, na Zona C. As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en A Reixa Tenda, en Ticketea e na propia Zona C antes do concerto. A seguinte proposta do ciclo é Luís Emilio Batallán, que presentará Había que chegar o xoves 17 de outubro no Principal.

Bigott, coa súa guitarra eléctrica e o seu amplificador, lánzanse de xira. Atopámonos ante a oportunidade, inédita ata agora, de escoitar en solitario ao xenio maño, debullando cancións de toda a súa traxectoria especialmente decoradas para a ocasión.

Tras a consagración que supuxo The orinal soundtrack (2011) e o seu infalible sinxelo "Cannibal dinner", o artista zaragozano, sempre disposto a seguir o seu instinto, decidiu levar a súa banda a Brasil, concretamente á Selva de Trancoso, para gravar un novo disco en directo ao vello estilo: tocando todos á vez. Para iso contaba coa experta man do produtor Paco Loco (membro oficial da súa banda), quen cargou no avión o equipo necesario para levar a cabo tan aventurada empresa. As particularidades do clima tropical, os continuos saltos de corrente ou a aparición (inesperada) da fauna típica da zona, converteron a gravación en toda unha aventura.

Blue jeans (abril 2013) é xa o seu sexto álbum e de novo reúne unha colección de cancións arrebatadoras. Nalgunhas aprécianse máis claramente influencias tropicais, como no tema que abre o disco ("I got Dengue") ou en "Playboy’s theme", así como a través da inclusión de percusións da zona (de feito, salvo a caixa e os pratos traídos dende España, o resto da batería improvisouse alí mesmo), mentres que outras cancións manteñen o espírito Bigott máis coñecido.

Queda claro que a naturalidade e a maxia que desprende Blue jeans só se podía conseguir desta maneira. E todas as cancións no seu conxunto, por encima das circunstancias que rodearon a súa gravación, dan forma a un álbum que, unha vez máis, coloca ao seu autor no podio dos máis lúcidos creadores do momento.

Compartir: