EDUCACIÓN

O acondicionamento exterior da ludoteca de Fontiñas permitirá ao fin licitar a súa xestión e abrir este equipamento

25/09/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, informou sobre as obras de acondicionamento exterior da ludoteca de Fontiñas. Esta actuación, necesaria legalmente para abrir o equipamento, permitirá licitar a xestión deste servizo municipal e por en marcha estas instalacións, tras varios anos dende o remate do edificio.

María Castelao lembrou que a obra do edificio está rematada dende o ano 2009. Non obstante, denunciou que no seu momento o proxecto non contemplara a delimitación exterior do recinto, necesaria legalmente para abrir a ludoteca. Agora, grazas a unha partida de 23.138 euros procedentes do remanente positivo de tesourería do exercicio 2012, afróntase esta intervención. Antes xa se tivera que solucionar outra deficiencia, adaptando o elevador á normativa e, en paralelo, redactouse o prego que permitirá contratar a xestión do servizo.

A obra consistirá fundamentalmente na construción dun valado metálico, de 1,5 metros de altura, que delimitará a parcela na que se sitúa a ludoteca e que impedirá a saída ao exterior do recinto dos rapaces e rapazas. Ademais, realizarase o sinalización exterior e construirase un camiño dende a beirarrúa a unha das portas de acceso. Tamén se axardinará o exterior da ludoteca. A obra ten un prazo de execución máximo de tres semanas.

Unha vez rematada esta actuación e cos permisos de apertura pertinentes, licitarase a xestión deste servizo de ludoteca. Ademais, grazas neste caso a unha subvención da Deputación da Coruña de 90.000 euros, dotarase de mobiliario o equipamento. O obxectivo, segundo María Castelao, é que a ludoteca de Fontiñas poida estar en funcionamento no primeiro trimestre de 2014.

Compartir: