PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Exposición de monicreques de xoguete na Casa das Asociacións de Cornes

24/09/2013 Do 28 de setembro ao 6 de outubro de 2013 celébrase en Santiago de Compostela a XVIII edición do Festival Internacional de Títeres Galicreques. No marco da mesma, a Casa das Asociacións de Cornes acolle unha exposición de monicreques ata o 15 de outubro.

Monicreques de xoguete amosa os diferentes tipos de bonecos feitos e distribuídos comercialmente coa intención de achegar personaxes populares do cinema, o cómic ou a televisión aos fogares e ás escolas para que nenas e nenos xoguen con eles. Alí están as marionetas dos pallasos da TV dos anos 70, os populares personaxes da factoría Disney e bonecos tradicionais do Brasil, Italia, Francia, Alemaña, Inglaterra ou Estados Unidos. Un conxunto de máis de 200 pezas de distintas técnicas: marionetas, luvas, variñas, muppets, etc.

A exposición pode visitarse na Casa das Asociacións de Cornes (antiga estación de Cornes, rúa Manuel Beiras) ata o 15 de outubro, de luns a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Compartir: