DEPORTES

Gran xornada solidaria do rugby en Santiago

24/09/2013 O pasado sábado celebrouse no campo de atletismo da Universidade de Santiago o torneo benéfico de veteranos en memoria das vítimas do accidente ferroviario de Angrois. No mesmo participaron 150 xogadores chegados dende todos os puntos da xeografía española, que se distribuíron en cinco combinados, coa presenza destacada da Selección Española, na que militaban lendas do rugby nacional como Alberto Malo, Jon Etxeberría ou Julio Álvarez de Temiño.

O torneo arrancou coa lectura dun comunicado por parte do vicepresidente da Federación Española de Rugby, Julio Álvarez, en presenza do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o vicerreitor da USC, Francisco Durán. Seguidamente, o presidente da Federación Galega de Rugby, Ignacio Cociña, fixo entrega dun ramo de flores ao presidente da Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago (Apafas), Cristóbal Rodríguez, que horas despois depositou o mesmo en Angrois, na curva onde se produciu o fatal accidente. Logo gardouse un emotivo minuto de silencio en memoria dos falecidos.

O torneo transcorreu sen sobresaltos, máis alá dun par de golpes sen importancia, cerrándose cun partido entre Santiago e un combinado do resto de equipos participantes. Ao inicio do terceiro tempo, o capitán do Santiago Rugby Club, José Pérez de Vallejo, entregou ao presidente de Apafas os 2.325 euros recadados coa inscrición dos xogadores, co sorteo do doado polas 12 empresas colaboradoras (entradas para o VI Nacións, noites de hotel e prendas deportivas), e na barra que se mantivo aberta durante toda a xornada.

A sorpresa do torneo protagonizouna Pablo Feijoo. O internacional español presentouse en Santiago na mañá do sábado para participar na homenaxe e animouse a vestirse de corto reforzando o equipo anfitrión, Santiago Rugby Club, e ao combinado Press Barbarians.

Compartir: