EDUCACIÓN

Os pequenos da Escola Infantil de Salgueiriños deron a benvida ao outono cunha festa da vendima

24/09/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, visitou a Escola Infantil de Salgueiriños con motivo da realización dunha actividade sobre a vendima na que participaron as familias e os nenos. Esta particular festa didáctica deu a benvida ao outono e ao novo curso 2013-2014.

Os pequenos e pequenas de 0 a 3 anos da Escola aprenderon como se elaboraba antigamente o viño, experimentando o proceso de pisado das uvas e a degustación das mesmas. Ademais, realizaron diversas actividades relacionadas coas uvas, como o pintado de grandes acios, a elaboración de murais e outros motivos cos pés, uvas de plastilina, contos de vendimas, etc. As propias familias trouxeron á actividade os diferentes tipos de uva e outros produtos típicos do outono.

Dende a Concellería de Educación considérase que a implicación das familias dos nenos e nenas da escola é un dos principios pedagóxicos que rexen a Rede de Escolas Infantís do Concello de Santiago e as festas da vendima, magosto ou Nadal son unha boa oportunidade para involucralas e facelas partícipes deste proxecto, que axuda a transmitir aos pequenos as tradicións dos nosos devanceiros. Trátase, en definitiva, de colaborar neste longo proceso de socialización que a cultura popular nos achega.

Compartir: