TURISMO

Santiago preséntase como estudio de cine no Festival de San Sebastián

23/09/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, acompañada do responsable da Santiago de Compostela Film Commission, Dimas González, presentaron no Pazo de Raxoi o acto promocional que Santiago fará no Festival de Cine de San Sebastián co obxectivo de amosar as posibilidades que ofrece a cidade como estudio de cine.

O Festival de Cine de San Sebastián é o evento máis importante do sector cinematográfico en España. Non só é un espazo para a proxección de películas, senón que é un lugar de encontro de produtores, directores e profesionais internacionais. Neste contexto, a Santiago de Compostela Film Commission, servizo de Turismo de Santiago para a promoción da cidade a través do sector audiovisual, está organizando unha presentación dirixida aos profesionais que toman as decisións na busca de localizacións para películas, series de televisión, anuncios...

A presentación da cidade terá lugar o xoves 26, ás 19:30 horas, no edificio Kursaal, sede do Festival de Cine. Mandouse unha convocatoria convidando a asistir aos produtores, directores e responsables de axencias de publicidade acreditados no Festival, coa colaboración da organización do Festival de Cine. Neste momento recibiuse xa a confirmación de máis de 60 profesionais, aínda que poderá asistir calquera persoa acreditada no Festival sen confirmación previa.

O acto terá unha hora e media de duración. Haberá unha presentación do responsable da Santiago de Compostela Film Commission, na que se amosarán as posibilidades que ofrece a cidade, tanto en localizacións como en facilidades para a rodaxe e en servizos auxiliares para as produtoras. A continuación proxectarase o vídeo promocional da cidade como estudio de cine: "Santiago de Compostela: unha cidade na que todo é posible". Pode verse na canle en Youtube de Turismo de Santiago.

A presentación rematará cun catering no que os asistentes poderán compartir ideas co responsable da Santiago de Compostela Film Commission. No catering poderase degustar o viño Sin Palabras, cedido para a ocasión polas adegas Castrobrey, e xamón de castañas, cedido por Coren. Haberá tamén música en vivo e algunha pequena sorpresa para chamar a atención dos profesionais asistentes.

Con esta presentación en San Sebastián continuase co proceso de revitalización da Film Commission de Turismo de Santiago, que ten coma obxectivo que o servizo non sirva só como unha oficina para xestionar permisos de rodaxe na cidade, senón que tamén exerza un papel activo na captación de novas producións. Neste proceso enmárcanse tanto a rebaixa das taxas de rodaxe e a simplificación do proceso para conceder os permisos, como accións de promoción recentes como a invitación ao presidente da Asociación de Produtores de Cine e Televisión da India, Kulmeet Makkar, quen visitou a cidade no pasado mes de agosto.

Compartir: