CONSORCIO

O Consorcio comeza a restauración das varandas artísticas do Pazo de Raxoi

20/09/2013 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, iniciou esta semana as obras de restauración e mantemento das varandas históricas do Pazo de Raxoi. Trátase dun proxecto, elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio, que vai permitir recuperar as varandas de forxa da fachada principal do Pazo de Raxoi, tanto as dos balcóns como as das ventás balconeiras.

Esta intervención de restauración, que afecta a un total de 20 varandas, foi adxudicadas por 68.002 euros. As obras teñen un prazo de execución de catro meses.

Trátase de traballos principalmente de mantemento e restauración, con reposición de pezas que estean rotas e recuperación da policromía das forxas e das ornamentacións. Estas varandas históricas datan do período 1767- 1787 e teñen un alto valor artístico. Imitan o gusto ilustrado francés, con referencias ao barroco cortesán de Versalles, propios da época do arcebispo Raxoi, quen mandou levantar o edificio. As varandas débense ás trazas de Alberto Ricoy.

Compartir: