CULTURA

James Gilchrist, protagonista do segundo concerto do XIV Ciclo de Lied

19/09/2013 O tenor James Gilchrist será o protagonista do segundo concerto do XIV Ciclo de Lied, que se celebra este venres 20, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. Este ano, o Ciclo de Lied celébrase baixo o epígrafe de "Centenario Britten: A canción inglesa no século XX" e nel estivo xa o barítono Roderick Williams, e poderemos escoitar o martes 23 á soprano Elizabeth Watts. Todos acompañados, como é habitual, polo pianista Roger Vignoles, alma do Ciclo.

Dende o ano 2000, preséntase en setembro en Santiago este Ciclo, único en Galicia e mesmo en España, que se caracteriza pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente do escasamente difundido xénero musical do lied e a canción de cámara. O seu cartel está cheo de cantantes de sona no panorama da lírica internacional. Así, ao longo destes doce anos pasaron polo Teatro Principal figuras de recoñecido prestixio como Angelika Kirchschlager, John Mark Ainsley, Camilla Tilling, Mark Padmore, Bernarda Fink, Thomas Allen, François Le Roux, Monica Groop, Sarah Walker, Robert Hall, Werner Güra, Sandrine Piau, Christoph Pregardien, etc.

Peza angular desta programación é un dos grandes e máis recoñecidos especialistas no xénero, o pianista inglés Roger Vignoles, que é codirector artístico do Ciclo. Para a edición do 2013 e coincidindo co centenario do nacemento dun dos grandes mestres da canción do século XX, Benjamin Britten, deseñouse un programa moi especial no que se conmemora a este compositor inglés, que ocupa un posto primordial na historia da música situándoo no seu contorno artístico, o dunha fecunda escola de composición de canción, a inglesa, que apenas tivo difusión fóra das illas británicas.

Unha oportunidade única para gozar dun fermoso, rico e descoñecido en España patrimonio musical da man de intérpretes de contrastada reputación internacional: o barítono Roderick Williams (17 de setembro), o tenor James Gilchrist (o 20), e a soprano Elizabeth Watts (o 24 de setembro) Neste Ciclo de Lied teremos a oportunidade de escoitar aos grandes mestres da canción británica dos séculos XIX e XX, con Benjamin Britten á cabeza, xunto a obras de autores contemporáneos vivos como Elaine Hughes ou do recentemente falecido Richard Rodney Bennett.

Prezo e lugar de venda das entradas
As entradas están á venda na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) ou en Novagaliciabanco (no 902434443 ou en entradas.novagaliciabanco.es) a un prezo de 8 euros para os concertos de Williams e Gilchrist. O concerto de clausura, o de Watts, que está enmarcado nas celebracións do vixésimo aniversario do Grupo Cidades Patrimonio de España, será de entrada libre previa retirada de invitación.

Compartir: