FUNDACIÓN GRANELL

"Pensar en pedra": exposición de escultura ao aire libre na terraza do Pazo de Bendaña

28/06/2006 O xoves 29 de xuño, ás 20:00 horas, inaugúrase a exposición colectiva Pensar en Pedra, que amosará o traballo escultórico do alumnado da Escola de Canteiros de Pontevedra. A mostra estará complementada pola obra fotográfica que, sobre o traballo da pedra en Galiza, foi realizado pola fotografa Conchi Rodríguez. As obras escultóricas poderanse contemplar no Pazo de Bendaña ata o 4 de setembro.

O obxectivo fundamental da exposición é dar a coñecer o traballo realizado pola Escola de Canteiros, unha institución pouco coñecida en Galicia a nivel popular, única na súa categoría en España, e responsable do novo pulo que dende os anos oitenta ten esta profesión na Comunidade Autónoma e da reactivación da escultura galega en pedra, tanto contemporánea como tradicional. A mostra intentará achegarlle ao público uns trazos do que significa ser canteiro na actualidade, unha profesión moi rica e complexa da que se ten ,en xeral, unha percepción pobre e chea de lugares comúns.

A escola afanouse en perpetuar e adaptar aos novos tempos un tesouro da cultura galega como é a arte da cantería. Trátase dunha arte que non só se circunscribe a todo o amplo campo da chamada arquitectura popular galega realizada en pedra, senón que a cantería tamén abrangue a realización de todo tipo de esculturas de vulto redondo, non necesariamente asociadas á arquitectura; en definitiva, ser canteiro hoxe en día significa pensar a pedra na súa totalidade e encarar todos os problemas que suscite esta, tanto a nivel de práctica construtiva como escultórica, tanto no aspecto da súa realización, como no da conservación e restauración das obras feitas con este material.

Na Fundación Granell preténdese dar a coñecer o amplo abano de posibilidades da arte da cantería, saber ancestral pouco recoñecido en Galicia, cunha montaxe dividida en dúas partes. Así, a mostra de escultura en pedra ao aire libre na terraza do Pazo de Bendaña compleméntase cunha mostra complementaria no interior do edificio, onde poderemos apreciar a creatividade dos alumnos da escola, desenvolvida noutros materiais distintos á pedra, xunto coa particular visión do traballo da pedra en Galicia dada pola fotógrafa Conchi Rodríguez.

Esta fotógrafa presenta unha escolla de obras froito da convivencia durante varias xornadas co quefacer diario da escola, ademais dunha selección dun proxecto fotográfico anterior sobre os traballadores das canteiras de Porriño, os pedreiros. As pezas, próximas á poética da fotografía artístico documental de Sebastiao Salgado, serven para aclararlle ao público a grande diferenza existente entre o traballo de extracción e o traballo de elaboración da pedra.

O acto inaugural, que será presentado pola directora da Fundación Granell, Natalia Fernández, contará coa presenza do presidente do Padroado da Fundación Granell e alcalde de Compostela, Xosé. A. Sánchez Bugallo, así como do director da Escola de Canteiros de Pontevedra, Rafael Fontoira Surís, ademais dunha representación institucional da Deputación de Pontevedra.

Compartir: