SEGURIDADE CIDADÁ

Redución significativa das infraccións polo non uso do cinto de seguridade e de sistemas de retención infantil nos vehículos

18/09/2013 O concelleiro de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Luis Bello, detallou os resultados da última Campaña de vixilancia e control de cintos e sistemas de retención infantil, realizada entre o 9 e o 15 de setembro, no marco dos controis promovidos pola Dirección Xeral de Tráfico. Os datos constatan unha redución do número de infraccións, resultando especialmente significativa a inexistencia de infraccións por ausencia de sistemas de retención infantil nos controis efectuados.

A campaña permitiu controlar 1.649 vehículos, resultando que unicamente 16 condutores non levaban cinto, isto é, un 0,97% do total. Obsérvase unha redución respecto da campaña realizada en 2012, na que a porcentaxe de condutores sancionados alcanzara o 1,77%.

Estes controis posibilitaron igualmente inspeccionar o uso do cinto entre 958 ocupantes. Neste caso foron catro os sancionados, un 0,42% do total, fronte ao 1,39% de ocupantes que non levaban cinto na campaña de 2012.

Luis Bello amosouse especialmente satisfeito pola utilización dos sistemas de retención infantil, xa que dos 143 nenos menores de 12 anos inspeccionados, todos levaban os dispositivos de seguridade axeitados. Se ben na campaña de 2012 tampouco houbera sancións por este motivo, si se aprecia unha mellora respecto á campaña realizada en marzo deste 2013, na que houbera un 1,69% de sancionados respecto ao total.

Mellora do firme nos accesos á cidade
Por outra parte, o concelleiro deu conta dos traballos de mellora do firme que o Ministerio de Fomento está realizando nos carrís de acceso e saída da cidade das estradas Santiago-Vigo e Santiago-Ourense. Segundo a información facilitada polo Ministerio, está previsto que esta mesma semana rematen os traballos.

Nalgúns momentos do día, estes labores están causando algunhas retencións de tráfico, debido a que se debe cortar un dos dous carrís. Os traballos de pitado efectuaranse durante a vindeira semana.

Radar do Hórreo
Finalmente, Luis Bello quixo lembrar que o radar fixo do túnel do Hórreo, recentemente posto en marcha, está activo as 24 horas. Neste sentido, recalcou que, aínda que os paneis informativos luminosos poidan estar apagados ou ofrezan outra información de tráfico, non supón en ningún caso que non estea funcionando o radar.

Compartir: