XUVENTUDE

Xuventude promove un novo programa de lecer e aventura para as fins de semana

17/09/2013 A Concellería de Xuventude promove unha nova proposta de lecer para os mozos e mozas da cidade. Trátase do programa Aventúrate esta fin de semana, que permitirá aos participantes participar en diversas actividades de aventura as fins de semana dos 28 e 29 de setembro, 26 e 27 de outubro e 23 e 24 de novembro. O prazo de inscrición xa está aberto.

Rebeca Domínguez, concelleira de Xuventude, e Francisco Rodríguez, director do Centro Xuvenil Don Bosco, organizador das actividades, presentaron este programa, que aposta polo deporte de aventura como práctica que pon aos mozos e mozas en contacto coa natureza. Ademais, este tipo de prácticas fomenta a o traballo en equipo, a motivación e a activación de destrezas físicas e relacionais.

Segundo explicou a edil, estas actividades de aventura teñen unha alta demanda entre a mocidade compostelá, como o demostra o feito de que se cubriran todas as prazas nas actividades de aventura realizadas en Semana Santa e no mes de xullo en Pena Aventura e Carcacía, respectivamente. Na existencia desta demanda coincidiu tamén Francisco Rodríguez, resaltando que, con programas así, "fanse accesibles actividades que ordinariamente é máis difícil acceder a elas".

O programa inclúe unha serie de actividades de aventura ao longo dunha fin de semana, dentro das dependencias que a Escola de Tempo Libre Don Bosco ten en Compostela. Os participantes poderán practicar o tiro con arco, a escalada, carreiras de orientación e xeobusca por Santiago, paint ball e outras actividades deportivas –en función das condicións climáticas- como tenis de mesa, fútbol sala, baloncesto, videoxogos, etc.

Elixíronse tres fins de semana para este programa: os días 28 e 29 de setembro, o 26 e o 27 de outubro e os días 23 e 24 de novembro. As actividades realizaranse dende 11:00 horas da xornada do sábado ata as 15:00 horas do domingo.

O custo deste programa de fin de semana para os participantes, mozos e mozas de 16 a 35 anos, será de 25 euros, nos que se inclúe o aloxamento o servizo de comidas. O Concello sufraga o 50% do custo real das actividades.

Máis información e inscrición:

DEPARTAMENTO DE XUVENTUDE
CSC e Xuvenil Municipal do Ensanche
Frei Rosendo Salvado, 14-16 Baixo
15701 Santiago de Compostela
Tlfno: 981 543 001/ Fax:981 543 002
C. electrónico.: dptoxuventude@santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: