CENTROS SOCIOCULTURAIS

Aberta a inscrición para a viaxe termal ao Balneario de Lobios programada pola Concellería de Centros Socioculturais

19/09/2013 No marco do programa Imos de excursión, a Concellería de Centros Socioculturais promove unha nova edición da viaxe termal, nesta edición ao Balneario de Lobios (Ourense), do Grupo Caldaria. A viaxe realizarase os días 20, 21 e 22 de novembro. A inscrición está xa aberta ata esgotar as prazas.

A excursión está dirixida a todas aquelas persoas interesadas que desexen, co único requisito da maioría de idade, se ben está orientada especialmente aos nosos maiores, un dos colectivos que máis usa os centros socioculturais. O prezo desta suxestiva e saudable proposta é de 125 euros por persoa en habitación dobre, con pensión completa, nun hotel de catro estrelas.

Os participantes recibirán un tratamento termal personalizado, incluíndo unha técnica diaria de hidroterapia. Ademais, poderán gozar libremente das piscinas termais e dun programa de animación.

Todos aqueles interesados en inscribirse poderán facelo achegándose aos centros socioculturais de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: