CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Semana Cultural da Rocha pon en valor un ano máis a riqueza patrimonial do barrio

16/09/2013 A Concellería de Centros Socioculturais colabora un ano máis na Semana Cultural da Rocha, que cumpre a súa IX edición. Organizada polas sempre activas Asociación Cultural A Rocha Forte e Asociación de Veciños da Rocha Vella "Serafín Zas", desenvolverase no Local Sociocultural da Rocha do 24 ao 28 de setembro.

Esta Semana Cultural ofrece un completo programa que, un ano máis, pretende poñer en valor a riqueza patrimonial da Rocha, segundo apuntou o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, na presentación das actividades, acompañado por Carlos Delgado, presidente da Asociación Cultural Rocha Forte, e Manuel Moure, presidente da Asociación de Veciños da Rocha Vella "Serafín Zas". A literatura galega e mesmo a moda serán tamén protagonistas desta edición, que volve a coincidir no tempo coas festas parroquiais en honor de Santa Eufemia.

O programa de actividades arrincará o martes 24 de setembro, ás 20:30 horas, coa apertura de dúas exposicións. A primeira titúlase Querido Balbino, e a inauguración contará coa asistencia de Xosé Neira Vilas, autor da novela Memorias dun neno labrego. A mostra ten como comisario a Luís Reimóndez.

A outra exposición leva por título Luces e sombras na pedra, colección de deseño de moda. A súa autora, Eva Bouzas, veciñas da Rocha, presentará o seu traballo.

Estas dúas mostras serán inauguradas nun acto presidido polo alcalde compostelán, Ángel Currás. Tamén asistirán o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os presidentes das asociacións veciñal e cultural; e os protagonistas das exposicións, Xosé Neira Vilas e Eva Bouzas. Coordinará o acto Xosé Ramón Fandiño.

A programación continúa o xoves 26 de setembro ás 17:30 horas, cunha visita guiada e aberta ao xacemento do Castelo da Rocha Forte, conducida pola arqueóloga María José Bóveda. Os participantes poderán ver a evolución dos traballos de escavación que se realizan actualmente.

Para o venres 27, ás 20:00 horas, está prevista unha conferencia do arquitecto Iago Seara co título O patrimonio cultural da Rocha Vella: O Camiño Portugués a Santiago e o Castelo da Rocha Forte o seu paso pola Rocha.

Finalmente, o sábado 28, data da festa patronal na honra de Santa Eufemia, preparouse unha tarde lúdica para todos os públicos. Ás 17:00 horas, vez para o xogo da chave, os inchables e o futbolín humano. Dúas horas despois, misa na honra de santa Eufemia e, a continuación, mostra de danzas do mundo a cargo da Escola de Danza As Feiticeiras. Tamén haberá unha sardiñada popular amenizada musicalmente polo Dúo Marea.

Documentos relacionados



Compartir: