TURISMO

O Instituto Cervantes de Lyon acolle unha exposición fotográfica sobre as 13 cidades Patrimonio da Humanidade de España

13/09/2013 O sábado 14 de setembro abrirase ao público na sede do Instituto Cervantes en Lyon a exposición Cidades Patrimonio da Humanidade. 13 xoias de España, unha mostra producida polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España que ofrece, a través dun percorrido por 52 fotografías, unha suxestiva visión dos recunchos, edificios e lugares máis significativos das 13 cidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO: Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

A exposición poderase visitar ata o 30 de outubro na sede do Instituto Cervantes de Lyon, unha fermosa vila art déco do arquitecto Michel Roux-Spitz, decorada no seu día por Jacques Emile Ruhlmann, que forma parte do patrimonio histórico e das rutas culturais da cidade francesa. A mostra está enmarcada nas Xornadas Europeas do Patrimonio que se celebran en toda Europa, nas que a cidade de Lyon mostrará este ano a riqueza e pluralidade de varios países, como Portugal, Italia, Alemaña ou España, mediante programas de difusión realizados en colaboración con importantes entidades como o Instituto Camoens, o Istituto Italiano dei Cultura, o Goethe Institut e o Instituto Cervantes.

Cidades Patrimonio da Humanidade colabora co Instituto Cervantes nesta interesante iniciativa, que permitirá mostrar ao público francés, un dos mercados emisores de viaxeiros máis significativo para os destinos das 13 cidades da asociación, a rica oferta cultural e patrimonial que as fixo merecedoras do recoñecemento universal que supón a súa inscrición na Lista do Patrimonio Mundial.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España creouse en 1993 e actualmente fórmano as 13 cidades incluídas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Foron cidades fundadoras Ávila, Cáceres, Salamanca, Santiago de Compostela, Segovia e Toledo. Posteriormente ingresaron Córdoba (1996), Cuenca (1998), Alcalá de Henares (2000), San Cristóbal de La Laguna (2002), Eivissa (2002), Tarragona (2006) e Mérida (2006).

Ao longo do mes de setembro, o Grupo está a celebrar o 20º aniversario da súa constitución cun programa completo de actos conmemorativos que comprenden unha atractiva axenda cultural con espectáculos gratuítos en espazos patrimoniais das 13 cidades; actos institucionais en Ávila, a sede oficial do Grupo; e reportaxes en prensa especializada en viaxes, entre outras accións. A celebración do aniversario coincide, ademais, cunha intensa campaña de promoción turística na que o Grupo estará presente durante este mes en Brasil (Sao Paulo e Salvador de Bahía), India (Bombay, Bangalore e Nova Delhi e Xapón (Feira Internacional de Turismo JATA) para promover as 13 cidades a través de xornadas e reunións de traballo con axentes e turoperadores deses países e público en xeral.

Documentos relacionados



Compartir: