TURISMO

Turkish Airlines pasará de tres a sete frecuencias semanais na conexión entre Santiago e Estambul

13/09/2013 Turkish Airlines ampliará de tres a sete frecuencias semanais a súa conexión entre Lavacolla e o seu hub de Estambul a finais de outubro, segundo lle confirmaron ao alcalde de Santiago, Ángel Curras, e á concelleira de Turismo, Reyes Leis, os responsables da compañía turca en Xapón nunha xuntanza que mantiveron na Jata, a feira turística máis importante de país. A conexión diaria será cun avión de 180 prazas, un aumento significativo respecto do modelo de 132 prazas pensado orixinalmente para cubrir a ruta. Finalmente, para mellorar a conectividade co mercado asiático, o tempo da escala en Estambul dos voos procedentes de Tokio cara Santiago reducirase das seis horas actuais a dúas.

Turkish Airlines comezou a operar en Santiago o 21 de maio con tres frecuencias semanais, martes, venres e domingo. Dende Turismo de Santiago colabórase intensamente coa compañía turca seguindo o convenio asinado entre ambas entidades o pasado mes de xaneiro en Fitur. Grazas a este convenio, que non inclúe ningún tipo de achega económica, desenvolvéronse diversas actividades de promoción da conexión, como a presenza de Turismo de Santiago por primeira vez na EMITT -a feira de turismo máis importante de Turquía- unha presentación conxunta da conexión en Fitur ou a organización de dous concursos con viaxes a Estambul e Santiago como premio.

Ademais, o alcalde de Santiago fixo, no marco da Jata, feira que se celebra entre o 12 e o 15 de setembro, unha presentación da cidade aos principais touroperadores e axentes de viaxes xaponeses nun evento organizado pola OET de Tokio, responsable da promoción turística de España en Xapón e Corea do Sur, co obxectivo de amosar os destinos do país con maior interese para os turistas xaponeses.

Na súa presentación, o alcalde destacou os principais atractivos que a cidade pode ofrecer aos potenciais turistas xaponeses: ser o destino dunha ruta de peregrinación milenaria cunha forte espiritualidade, ser unha cidade Patrimonio da Humanidade cunha grande oferta cultural, contar cunha gastronomía atlántica con algúns dos mellores peixes e mariscos do mundo, e ser a capital dunha rexión cunha gran natureza.

O alcalde compostelán pechou a súa axenda de promoción da cidade en Tokio coa presentación aos profesionais do sector na Jata e coa reunión con Turkish Airlines. Estas actividades complementan a presentación da cidade ao público final que se fixo na Estación Central de Tokio xunto coa cidade de Tanabe e as reunións de traballo coa responsable do OET, co embaixador de España en Xapón e co responsable da sede do Instituto Cervantes de Tokio.

En todas as reunións, os diferentes interlocutores transmitíronlle ao alcalde o interese crecente do público xaponés por Santiago e o Camiño de Santiago. O obxectivo que se fixa Turismo de Santiago é saber aproveitar esta oportunidade para que o turismo xaponés continúe crecendo na cidade, logo de que no 2012 se conseguisen os mellores datos de pernoctacións deste mercado, cun crecemento do 20% respecto a 2011.

Compartir: