CULTURA

Rober Bodegas, Víctor Fábregas, Berto Romero, Alberto Casado, Leo Harlem e Dani de la Cámara, novas citas de Falabaratos

13/09/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou a programación do ciclo Falabaratos para o último cuadrimestre do ano. Nel teremos figuras recoñecidas como Rober Bodegas, Víctor Fábregas, Berto Romero, Alberto Casado, Leo Harlem e Dani de la Cámara. O ciclo establece ademais dúas colaboracións con outros ciclos asentados: con Noites de Retranca e nace así o Noites de Retranca scq 2 (xa que é a segunda vez que se colabora, onde estarán Bodegas e Fábregas; e coas Noites da Paramount Comedy, que chegarán a Santiago o 21 de decembro.

Comeza a programación deste cuadrimestre o xoves 19, con Noites de Retranca scq2, onde Rober Bodegas presentará The best of… e Víctor Fábregas Ai xesusiño!!!. Será no Teatro Principal a partir das 21:00 horas. Máis adiante, contaremos coa presenza de figuras televisivas moi recoñecidas como Berto Romero e Leo Harlem, que xa estiveron no ciclo na edición do ano pasado. Berto Romero estará no Auditorio de Galicia o venres 11 de outubro presentando o seu novo espectáculo, Sigue con nosotros. Leo Harlem estará tamén no Auditorio, acompañado de Dani de la Cámara, o 29 de novembro. Presentan ¿Qué hay de nuevo?.

Ademais, neste cuadrimestre teremos unha dobre aparición de Rober Bodegas. Logo da súa presenza en Noites de Retranca, volverá a Falabaratos os días 31 de outubro e 1 e 2 de novembro nun formato diferente, máis pequeno e achegado ao público. Será na Zona C, onde presentará Entremeses (sketches en directo) xunto a Alberto Casado.

Ademais da colaboración que Falabaratos estableceu con Noites de Retranca e da que celebramos a segunda edición na cidade, nesta ocasión establécese unha nova colaboración con outro ciclo de humor moi coñecido: as Noites da Paramount Comedy, que chegarán a Santiago dentro de Falabaratos o 21 de decembro.

Entradas á venda
As entradas para todos os eventos poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, a excepción de Entremeses, poderán mercarse tamén na web entradas.novagaliciabanco.es ou no 902 434 443. E para os eventos da Zona C e do Auditorio poderán mercarse as entradas nas billeteiras propias de cada recinto o día do espectáculo dende as 18:00 horas.

Direccións relacionadas



Compartir: