DEPORTES

O ciclismo de competición volve a Santiago grazas á segunda etapa da Volta a Galicia

13/09/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a segunda etapa da XII Volta Ciclista a Galicia, con saída e chegada en Santiago este sábado, 14 de setembro. Serán 149 quilómetros os que levarán os corredores ata a meta situada na avenida de Xoán Carlos I.

Adrián Varela enmarcou esta etapa na aposa polo ciclismo do Departamento de Deportes. Así, lembrou, xa son oito os eventos ciclistas, nas súas distintas modalidades, celebrados este ano en Compostela. E en breve presentarase outro, o Día da Bicicleta.

Volvendo á Volta Ciclista a Galicia, a segunda etapa esta proba, de categoría sub-23, sairá en torno ás 14:00 horas da avenida de Xoán Carlos I, co seguinte itinerario: Pombal, Galeras, Morón, Salvadas e Vista Alegre. No punto en que esta última conflúe coa estrada a Santa Comba, a saída deixará de estar neutralizada, iniciándose o traxecto por Torreira e Ponte do Romaño, saíndo pola Peregrina (DP-7804).

A partir das 17:30 horas, está prevista a chegada da carreira dende a zona de Montouto (AC-841), incorporándose de novo á cidade, facéndoo por Castiñeiriño, Paxonal, Amor Ruibal, Romero Donallo e Rosalía de Castro, rematando na avenida de Xoán Carlos I. Ata chegar ás inmediacións de Santiago, a proba terá pasado por Trazo, Sigüeiro, O Pino, Arzúa, Touro, Ponte Ulla, Pontevea e A Ramallosa. O percorrido desta segunda etapa caracterízase pola súa irregularidade e dificultade, polo que os organizadores esperan unha chegada en solitario ou dun pequeno grupo destacado

Son 17 equipos os que participan nesta edición da Volta a Galicia, seis deles galegos. Os demais proceden de distintos puntos da xeografía española, e tamén de Portugal e Arxentina. Todos eles afrontan unha competición que terá a súa primeira etapa en Vigo e a terceira na Coruña.

Acompañaron a Adrián Varela na presentación desta segunda etapa o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Manuel Tallón, e o seu xerente, Ricardo Terceiro.

Compartir: