TURISMO

Santiago aposta por atraer producións audiovisuais de Xapón e Corea do Sur

12/09/2013 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, reuniuse coa responsable da Oficina Española de Turismo (OET) en Tokio, Beatriz Marco, responsable da promoción de España non só en Xapón, senón tamén en Corea do Sur, un mercado no que o Camiño de Santiago está consolidándose con forza e que, como no caso de Xapón, representa unha oportunidade importante para a cidade.

O Camiño de Santiago ten unha gran penetración en Corea do Sur. Pese a distancia e as diferenzas culturais, Corea do Sur tense convertido nos últimos anos no país co crecemento máis espectacular nas cifras de peregrinos, sendo o exemplo máis claro de que hoxe en día o Camiño de Santiago non é só un fenómeno europeo, senón mundial. No ano 2004, o número de peregrinos coreanos foi de a penas 18. No 2012 a cifra elevouse ata 2.904, situándose como o décimo país con máis peregrinos, por riba doutros países con maior tradición peregrina, como Bélxica ou Brasil.

O alcalde trasladoulle á responsable da OET que un modo de promoción que interesa especialmente a Santiago é a promoción a través do audiovisual, polo que a cidade, a través da Santiago de Compostela Film Commission, porá a disposición dos produtores xaponeses e coreanos todas as facilidades para que poidan gravar en Compostela programas de televisión, documentais ou mesmo películas, aproveitando o interese crecente que hai en ambos países cara o Camiño de Santiago.

Ademais da aposta polo audiovisual como modo de consolidar o posicionamento de Santiago en Xapón e Corea do Sur, o alcalde tamén lle amosou á responsable da OET que Santiago conta cunha serie de atractivos, como a cultura, o patrimonio, a espiritualidade, a gastronomía ou a natureza, que se adaptan ás demandas dos turistas xaponeses e coreanos. Por este motivo, Turismo de Santiago e a OET traballarán conxuntamente para integrar a cidade en cada vez máis paquetes turísticos dos que deseñan as axencias de viaxes do mercado nipón que traballan no mercado español.

Posteriormente, o alcalde reuniuse co embaixador de España en Xapón, Miguel Ángel Navarro Portera, con quen tratou de como se poderían potenciar as relacións comerciais entre as empresas de Santiago e o mercado xaponés a través do desenvolvemento de estratexias comerciais para introducir produción local no país. Co embaixador tamén tratou das actividades conmemorativas do Ano Dual España Xapón 2013-2014, que conmemora que España foi o primeiro país occidental en recibir unha misión diplomática xaponesa, en 1613.

Compartir: