CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Bibliopiscina instaura a lectura e o lecer nas piscinas de Sar

28/06/2006 Por terceiro ano, os Centros Socioculturais levan a súa Bibliopiscina ao complexo deportivo Fontes do Sar. Unha completa selección de libros, cómic, xogos e pasatempos para contribuír ao lecer dos composteláns que se acheguen ás piscinas durante o verán.

A oferta deste ano, presentada pola concelleira de Centros Culturais, Mercedes Rosón, inclúe un xogo xigante (xadrez, cinco en liña, twister, etc.) e material de agasallo para os nenos que se acheguen ao servizo.

En canto aos fondos, a Biblioteca e as Aulas de Xogo dos Centros Socioculturais poñerán a disposición dos usuarios uns 300 libros e 100 xogos, que se irán renovando nos dous meses en que vai permanecer aberta a Bibliopiscina.

Segundo a experiencia do ano pasado, os usuarios máis interesados son os nenos e nenas, e o material máis atractivo son os cómics, os álbums para nenos, os xogos didácticos e os xogos tradicionais.

O horario da Biblioposcina é de 17:00 a 20:30 horas de martes a sábado. Permanecerá aberta nos meses de xullo e agosto e haberá unha festa de despedida ao remate. Os materiais, libros e xogos poderán collerse en préstamo dentro do recinto das piscinas deixando un carné de identidade como sinal.

Compartir: