TURISMO

O Camiño de Santiago é, tras a obra de Gaudí, a temática española que máis interese xera no Instituto Cervantes de Tokio

10/09/2013 O director do Instituto Cervantes de Tokio, Antonio Gil Carrasco, confirmoulle ao alcalde de Santiago, Ángel Currás, o interese crecente que o público nipón ten polo Camiño de Santiago. Segundo lle transmitiu nunha reunión celebrada hoxe, o Camiño de Santiago é o segundo tema que máis cuestións xera no Instituto Cervantes respecto a España, só superado pola obra de Gaudí. Estes datos confirman que o mercado nipón é unha oportunidade para Santiago, logo de que no 2012 se conseguisen as mellores cifras de pernoctacións na cidade, cun crecemento do 20% respecto do 2011, segundo os datos do INE.

O alcalde de Santiago tivo a posibilidade de coñecer de primeira man a sede do Instituto Cervantes en Tokio, un referente para todos os xaponeses interesados na cultura española. O alcalde e o director do Instituto falaron sobre diferentes posibilidades para a promoción de Santiago e do Camiño de Santiago no país nipón. A intención é que no próximo ano se poida desenvolver unha exposición sobre Santiago na sede do Instituto Cervantes, con actividades culturais paralelas, tanto musicais como gastronómicas.

Ángel Currás, quen asinou no libro de ouro da institución, comprometeuse a que lle faría chegar ao Instituto Cervantes as diferentes publicacións do Consorcio de Santiago, para que os usuarios do Instituto puidesen mellorar o seu coñecemento sobre a cidade. Tamén salientou as posibilidades que abre o feito de que Turkish Airlines, quen está apostando dun modo moi importante por aumentar o fluxo de turistas entre Xapón e Santiago, sexa un dos patrocinadores do Instituto Cervantes en Tokio.

A reunión co director do Instituto Cervantes é a primeira actividade do alcalde na súa viaxe a Xapón, onde se quere reforzar a promoción da cidade logo dos bos datos que se conseguiron o ano pasado. Neste esforzo enmárcase unha presentación que terá lugar no Centro de Información Turística de Tokio, que acollerá durante o día 11 de setembro unha presentación conxunta entre Turismo de Santiago e Turismo de Tanabe, na que durante todo o día exporanse materiais audiovisuais de ambos destinos e os seus camiños de peregrinación, ambos recoñecidos como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo.

Os obxectivos por parte de Turismo de Santiago con esta presentación son dous: por unha banda, amosar ao público final os atractivos da cidade e do Camiño de Santiago, posicionándose xunto coa ruta de peregrinación do Kumano Kodo, integrado na natureza e cunha forte compoñente espiritual; por outra, amosar a mellora das conexións entre Xapón e Santiago grazas á nova conexión de Turkish Airlines entre Lavacolla e o hub de Estambul.

Documentos relacionados



Compartir: