URBANISMO

Os peregrinos serán desviados provisionalmente pola rúa do Medio durante as obras na rúa de San Pedro

09/09/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, asegurou en rolda de prensa que as obras da rúa de San Pedro "estarán rematadas en prazo", co obxectivo de que a zona estea lista para a campaña comercial de Nadal. Tamén anunciou que os peregrinos serán desviados provisionalmente pola rúa do Medio durante as obras.

María Pardo quixo transmitirlles a tranquilidade sobre o remate da obra en prazo a veciños e comerciantes, aos que tamén lles lembrou que "o retraso valorado dun mes, que non retraso real, se debeu á mala execución das obras feitas anteriormente na rúa". Neste sentido, lembrou que rúa xa sufrira obras nos anos 1993, 1999 e 2003.

Especialmente referiuse ás "deficiencias" das obras executadas en 1999, facendo un relatorio pormenorizado das mesmas. En particular, citou todas as canalizacións que non estaban documentadas e irregularidades nas obras como o recubrimento directo con formigón de canalizacións de servizos, algo que, dixo, non está permitido. Así, concluíu que as catas que se deberon facer xeraron un "mes valorado de retraso" na intervención. En calquera caso, asegurou, tomáronse as decisións oportunas para que esa demora non se traduza nun retraso real.

Con este obxectivo, aos oito operarios, unha máquina e ata dous camións que viñan traballando ata agora, sumaranse tres operarios máis e outra máquina retroxiratoria. O número de operarios incrementarase ademais no momento de colocación das lousas. O horario de traballo mantense de 8:00 a 20:00 horas.

Xa por motivos fundamentalmente de seguridade, anunciou que, malia que se seguirá permitindo o paso a peóns polas beirarrúas opostas a aquelas nas que se realice a obra en cada momento, optouse por desviar provisionalmente aos peregrinos –que cheguen tanto a pé como en bicicleta ou cabalo- pola rúa do Medio. Os viandantes e residentes si poderán seguir transitando pola rúa de San Pedro.

Compartir: