BENESTAR SOCIAL

O Concello pon en marcha unha campaña destinada á hostalería co obxectivo de reducir o consumo de alcohol entre os mozos

09/09/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou en rolda de prensa unha serie de accións dirixidas ao sector hostaleiro co obxectivo de reducir o consumo abusivo de alcohol entre os mozos e mozas. Estas actuacións, baixo o título Que che apetece? Santiago Sen retoman as liñas do Plan de Acción Local para Prevención das Drogodependencias.

Estas actividades pretenden fomentar no eido da hostalaría orientada a xente nova as posibilidades de negocio que ten o consumo recreativo sen alcohol. Segundo explicou a concelleira, non se trata de que "o hostaleiro deixe de vender alcohol, senón de que vexa a posibilidade dun novo negocio rendible e saudable no consumo sen alcohol".

O obxectivo fundamental desta campaña é a protección da saúde, coa idea e reducir os consumos abusivos de alcohol no contexto recreativo e potenciar idea de a diversión nos locais de ocio no ten que ir necesariamente asociada co consumo de alcohol.

As accións están destinadas ao sector hostaleiro, especialmente a aqueles locais de lecer nocturno que teñen como clientes a mozos e mozas. Así, deseñouse un programa de formación, baixo o título de Consumo Sen, que inclúe tres eixes de actuación. Está aberta a inscrición nestas tres actividades, que se realizarán no centro de formación da Asociación Hostalería Compostela (Salvadas, 29-31 baixo).

A primeira liña de actuación é a que pretende dar a coñecer as vantaxes do Consumo Sen. Comprenderá formación sobre as vantaxes lexislativas deste tipo de consumo sen alcohol, con especial atención ás ordenanzas e á Lei do Menor; sobre a responsabilidade social do hostaleiro como valor social e empresarial; e sobre subvencións, axudas e necesidades do sector hostaleiro. As sesións desenvolveranse durante esta semana, ás 17:15 e ás 19:00 horas, conducidas polo psicólogo Jacobo Peña, xefe de proxectos de Provoz.

A segunda acción formativa, denominada Mesturas Sen, pretende incidir na elaboración de cócteles sen alcohol. En cada taller participará un máximo de 15 hostaleiros e desenvolverase no mesmo horario os días 18, 19, 23, 25 e 26 de setembro. Encargarase destes talleres Diego Mosquera, vicepresidente da Asociación Galega de Barmen.

Finalmente, articulouse unha terceira liña de formación denominada Éxito Sen. Experiencias de triunfo empresarial. Neste caso trátase dunha xornada na que se relatará aos hostaleiros como outros compañeiros de profesión xa tiveron éxito empresarial e profesional grazas á Hostalería Sen. Celebrarase o 30 de setembro, de 18:30 a 20.00 horas e será conducida por Aser Álvarez, director de Comunicación e Marketing da Asociación Hostalería Compostela.

Materiais permanentes
Estas tres accións formativas reforzaranse con materiais audiovisuais, co obxectivo de que permanezan no tempo e que poidan pasar a formar parte de accións formativas permanentes e futuras que se lle ofreza ao sector hostaleiro. Trátase, en palabras de María Castelao, de que todos os hostaleiros que nun futuro queiran explorar este negocio sen alcohol teñan unha visión en conxunto das liñas que poden seguir.

Esta campaña, cuxos resultados serán avaliados, é financiada (nun 70%) grazas a unha subvención do Ministerio de Sanidade procedente dos bens decomisados por tráfico de drogas e outro delitos relacionados. O custo total da acción é de 16.650 euros.

Acompañaron a María Castelao e Aser Álvarez na rolda de prensa, Jorge Carballido, da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), e Xabier Fernández, de FESAN.

Compartir: