MOBILIDADE

Mobilidade estudará posibles melloras no servizo de transporte urbano aos polígonos do Tambre e Costa Vella

09/09/2013 Este luns, 9 de setembro, produciuse o cambio aos horarios de inverno no transporte urbano. A nova temporada non contempla cambios substanciais con respecto ao inverno pasado, agás os levados a cabo no presente ano, coa adecuación da nova liña P6 ao polígono do Tambre. Así o explicou en rolda de prensa o concelleiro de Mobilidade, Luis Bello, acompañado polo xerente da Empresa Municipal de Xestión do Transporte Urbano en Santiago (TUSSA), José Ramón Mosquera.

Mantéñense os desvíos das liñas 6, 9, 13, C6, C11 e P4 debido ás obras que se están a realizar na rúa de San Pedro. Debido ao alongamento do percorrido das liñas e ao obxecto de garantir a súa estrutura horaria, a liña C11 non fará as paradas no percorrido do desvío, é dicir, entre a Porta do Camiño (última parada) e a parada da avenida Rodríguez de Viguri (á altura dos Concheiros), recuperando a partir de aí o seu percorrido habitual. Ao obxecto de minimizar os problemas que poida ocasionar este cambio, establecerase un período de transición no transcurso da semana próxima no que se informará oportunamente aos usuarios, sendo a medida plenamente efectiva a partir do luns 16 de setembro.

Os horarios poderanse consultar na web de TUSSA: www.tussa.org. Ademais, lémbrase a todos os usuarios que poden consultar calquera dúbida no 901 120 054 ou ben a través dos perfís de TUSSA en Twitter e Facebook.

A propósito da liña P6 ao polígono do Tambre, Luis Bello, anunciou que se manterán conversas coa Asociación de Veciños da Gracia e coa Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre para abordar posibles melloras na súa cobertura perimetral e na súa estrutura horaria. Lembrou que esta liña é agora cuberta por unha empresa privada en cumprimento dunha sentenza xudicial. O Concello tivo que negociar coa devandita empresa para que o servizo, que agora consta de nove frecuencias diarias, se prestara nas mesmas condicións tarifarias que o resto do servizo de transporte urbano.

Tamén se van estudar posibles cambios nas liñas C5 e C6, co obxectivo de dar unha mellor cobertura á área comercial do polígono da Costa Vella.

Compartir: