MOBILIDADE

Entran en vigor os horarios de inverno no servizo de transporte urbano

06/09/2013 TUSSA, a empresa municipal de xestión do transporte urbano en Santiago, comunica que o luns, 9 de setembro, producirase o cambio aos horarios de inverno no transporte urbano. A nova temporada non contempla cambios substanciais con respecto ao inverno pasado, agás os levados a cabo no presente ano, coa adecuación da nova liña P6 ao polígono do Tambre.

Mantéñense os desvíos das liñas 6, 9, 13, C6, C11 e P4 debido ás obras que se están a realizar na rúa de San Pedro. Debido ao alongamento do percorrido das liñas e ao obxecto de garantir a súa estrutura horaria, a liña C11 non fará as paradas no percorrido do desvío, é dicir, entre a Porta do Camiño (última parada) e a parada da avenida Rodríguez de Viguri (á altura dos Concheiros), recuperando a partir de aí o seu percorrido habitual. Ao obxecto de minimizar os problemas que poida ocasionar este cambio, establecerase un período de transición no transcurso da semana próxima no que se informará oportunamente aos usuarios, sendo a medida plenamente efectiva a partir do luns 16 de setembro.

Os horarios pódense consultar na web de TUSSA: www.tussa.org. Ademais, lémbrase a todos os usuarios que poden consultar calquera dúbida no 901 120 054 ou ben a través dos perfís de TUSSA en Twitter e Facebook.

Compartir: